----

Unha xornada sobre cultura medieval abre a colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela

“Seíam’eu…en San Simón” é o título dun programa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Redondela celebrarán en San Simón cada ano. Así figura no acordo marco de colaboración asinado esta mañá entre a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde deste concello pontevedrés, Javier Bas, coa presenza do técnico municipal, Xurxo Martínez. Alén desa actividade anual, moi relacionada co pasado da illa, o acordo fixa tamén a programación dalgunha das exposicións organizadas polo CCG. A primeira das actividades terá lugar o vindeiro día 26 de abril cunha xornada que, en palabras da presidenta, “pretende tender unha ponte entre a época medieval e a situación actual”.
Unha xornada sobre cultura medieval abre a colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, asinaron esta mañá un convenio marco que busca establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades e que permitirá realizar unha actividade anual na illa de San Simón. “Este convenio encaixa na misión do Consello da Cultura Galega de difundir a cultura de Galicia” explicou a presidenta ao tempo que incidiu que esta colaboración “pretende aproveitar a ambivalencia deste espazo idílico que nos transporta á época da lírica medieval pero que tamén ten outro pasado moito máis dramático, como é o de ser presidio e casa de orfos”. Na sinatura estaba presente o técnico municipal, Xurxo Martínez, quen destacou a necesidade de facer “unha explotación cultural da Illa de San Simón”.

Para este primeiro ano está programado unha xornada sobre a cultura medieval e, para o 2020 está previsto que a cita anual xire sobre a memoria e o exilio. O acordo implica tamén o préstamo de exposicións que ten o CCG para a difusión da cultura de Galicia nos espazos deste concello e que comezará no segundo semestre deste ano.

Primeira actividade: un congreso sobre cultura medieval
A illa de San Simón acollerá o vindeiro día 26 de abril unha xornada para público xeral que pretende analizar a cultura medieval tomando como base as últimas investigacións sobre este período que empregan novas tecnoloxías. A primeira xornada do programa “Seíam’eu...en San simón” leva por título “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías” e está conformado por catro sesións que prestarán atención na arte, na literatura, na música e no patrimonio. A xornada comeza cunha titulada “A restauración do Pórtico da Gloria” e nela interveñen Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, e Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago de Compostela. A segunda das mesas titúlase “Unha reinterpretación das igrexas altomedievais galegas a partir de novas perspectivas metodolóxicas. Arquitectura, paisaxe e sociedade” e estará a cargo de José Carlos Sánchez Pardo e Rebeca Blanco Rotea. A terceira das mesas contará coa presenza do musicólogo Antoni Rosell, quen falará de “Divulgar e interpretar hoxe a música medieval”. As sesións conclúen cunha conferencia titulada “O universo Cantigas”, na que participan Graça Videira López, da Universidade de Lisboa, quen falará do “Proxecto Littera”; e Leticia Eirín, da Universidade da Coruña que explicará o “Proxecto Glossa”.

Exposicións
O Consello da Cultura Galega, no marco do cumprimento dos seus obxectivos fundacionais establecidos por lei, organiza exposicións coa intención de difundir e promover a cultura galega. As máis recentes son “Alba de Gloria”, que buscou nas novas tecnoloxías unha forma diferente de achegar o último gran discurso que Castelao pronunciou en Bos Aires hai setenta anos; e “Son de Galicia”, que pretendeu dar a coñecer o peso das sociedades corais no noso país a través das catro formacións históricas que continúan operativas a día de hoxe: Toxos e Froles (1914), Cántigas da Terra (1916), Coral De Ruada (1918) e Cantigas e Agarimos (1921). Ademais delas, hai preto dunha vintena de mostras que se poden visualizar no sitio web institucional.