NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero. Na visita, Rosario Álvarez trasladoulle as liñas de actuación en acción exterior, así como as áreas de traballo e funcionamento da actividade desenvolvida por esta entidade en cumprimento do seu mandato fundacional. Ademais, o secretario xeral da OEI asinou no Libro de Honra do CCG.
A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos

A visita institucional encádrase no marco dunha serie de contactos que o secretario xeral da OEI desenvolveu con diferentes representantes do ámbito cultural e educativo galego, como o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o conselleiro de Cultura e Turismo.

Sobre a EOI
A Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura (OEI) é o organismo intergobernamental decano do espazo iberoamericano e o primeiro en promover a cooperación multilateral na rexión.
Acaba de cumprir setenta anos e hoxe está formado por 23 Estados membros e 7 países observadores, que conforman a maior rede iberoamericana de creación e intercambio de coñecemento, proxectos e programas en materia educativa, científica e cultural. A OEI conta con 18 oficinas nacionais e a secretaría xeral, cuxa sede está en Madrid.