NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega xunta mañá a expertos para coñecer os avances científicos na erradicación da velutina

Vespertina, vespa asiática, velutina…son moitas as denominacións para referirse a este insecto invasor que está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Expertos e científicos que levan tempo analizando e investigando o seu comportamento xúntanse mañá no Consello da Cultura Galega para coñecer o estado da cuestión e tentar poñer solucións enriba da mesa. A xornada, que se pode seguir en directo desde o web da institución, estará inaugurada pola presidenta, Rosario Álvarez; o presidente da FEGAMP, Alfredo Díaz e Antonio Crespo, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Intercambiar información e responder de forma autorizada e matizada da cidadanía en relación coa ameaza desta especie son claves a día de hoxe para atallar o problema da velutina no noso país. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega e a Academia Galega de Ciencias Veterinarias organizan esta xornada que xunta, por primeira vez, a todas as asociacións apícolas para falar do tema. Será no formato dunha mesa redonda e nela estarán presentes o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo Iglesias; Xesús Asorey Martinez da Asociación Galega de Apicultura, AGA; Mª Esther Ordóñez Dios da Agrupación Apícola de Galicia; un representante Asociación Apícola Abellas Nais e Xesús Feás, Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A cita comeza cun relatorio de Luis Rodríguez Lado, doutor en Biloxía e xerente de GEOFOSK que falará da Plataforma VeluMAP, trátase dun espazo que aproveita as novas tecnoloxías para poder ter un modelo de previsión da expansión das velutinas. Pola súa parte, Xesús Feás, Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia falará da necesidade de avances no campo científico, da falta de recursos e poñerá enriba da mesa as súas investigacións sobre esta materia.