Mañá comezan os XXI Encontros para a Normalización Lingüística que se centran na divulgación da ciencia

“Cal é o peso (atómico) do galego?” Este é o título da XXI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega. Unha cita que este ano pon o foco nun terreo no que somos especialmente vizosos: a divulgación científica. Así o explicitou un informe elaborado en 2018, “Diagnose da cultura galega”, que concluía que Galicia é unha comunidade de referencia na producción de cultura científica por parte de particulares, colectivos, asociacións, universidades…. Esta xornada dalle voz a todos eles para que conten os detalles do seu traballo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará mañá esta cita (16:00 horas) que se desenvolve ata o venres na Cidade da Cultura.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta edición dos encontros comezan coa descrición do panorama xeral da divulgación científica e a lingua no noso país a cargo de Iolanda Fernández Casal, xornalista da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG. Unha vez descrito o panorama pasarase a analizar as iniciativas e propostas que existen no país.

A primeira das mesas redondas está moderada por Anxos Sobriño e nela diferentes investigadores falarán das vantaxes de divulgar en galego. Son Javier Balea que mantén o web “Moléculas en galego”; a matemática da USC, Elena Vázquez Abal, e X. Dosi Veiga, creador do web “Ceos Galegos”.
Esta primeira sesión conta tamén cunha mesa de experiencias para coñecer como se divulga a ciencia no ensino secundario. Nela falarán os profesores de iniciativas didácticas como A Axencia Espacial Escolar galega, o Proxecto Ríos, Xeoclip ou o Fitofaladoiro. Os relatores desta mesa son: Cibrán Arxibai do IES Losada Diéguez da Estrada; Xosé Manuel Fernández Castro do IES Maruxa Mallo de Ordes; Camilo Ojea do CPI Mosteiro Meis e Xacobo de Toro, IES Urbano Lugrís de Malpica.

A sesión do venres arrinca con dúas mesas redondas. Unha sobre “ciencia, muller e lingua” que modera Marilar Aleixandre e na que participan Patricia Conde da Faculdade de Ciências, Universidade de Lisboa; Marta Piñeiro Núñez do Laboratorios de Investigación Lilly, Indianápolis-USA; e María D. Mayán do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. E outra sobre os posibles públicos que analizarán os casos de publicacións especializadas (Xerais Básicos Ciencia), medios de comunicación (Gciencia e Efervesciencia) e formatos a medio camiño entre espectáculo e divulgación (Peripeciencia).

A mañá complétase con varias mesas de experiencia. Unha para cooperar para divulgar a ciencia coas iniciativas dos concellos de Vigo e de Pontevedra: Pontenciencia e Achégate ás ciencias...en galego. E outra na que falarán da tradución das charlas TED ao galego e da Galipedia.

Pola tarde o programa expándese por varios espazos: na Aula 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia haberá espazo para un Obradoiro de subtitulación en YouTube con Xacobo de Toro; a sala Off. Cidade da Cultura acollerá o Obradoiro de edición/tradución na Galipedia a cargo de Elisardo Juncal coa presentación de María Justo.
Xurxo Mariño, membro da Sección de Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, ofrecerá un relatorio titulado “As miñas linguas e mais eu. Algunhas reflexións sobre a mente e a linguaxe”.
As sesións rematan, como vén sendo habitual, a golpe de humor, co Discurshow de Vicente Mohedano, que leva por titulo “Voute contar”. E, como peche, unhas conclusións a cargo da presidenta da institución, Rosario Álvarez.

Máis de vinte anos falando da normalización
Non é a primeira vez que nos Encontros para a normalización lingüística agroma o tema da lingua en relación coa ciencia, aínda que si de maneira específica, escollendo nesta ocasión a divulgación científica na lingua galega. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos ou a realidade plurilingüística de España, entre outras temáticas.

Outras noticias que te poden interesar: