NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega analiza mañá nunha xornada como a cidadanía participa na cultura

Dúas das persoas de referencia actual en materia de animación sociocultural, Jaume Colomer e Jaron Rowan, estarán mañá no Consello da Cultura Galega para falar das estratexias e das fórmulas nas que a cidadanía se implica no feito creativo. Os seus relatorios forman parte da xornada titulada “Da animación sociocultural á cultura colaborativa” que organiza a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa coordinadora da sección, Carme García Mateo; e o coordinador da xornada, Marcos Lorenzo, serán os encargados de abrir esta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.

A xornada de mañá divídese en dúas partes: unha de carácter teórico, que permitirá coñecer fórmulas e teorías arredor da animación cultural e outra de carácter práctico, para poñer enriba da mesa algún caso concreto de boas prácticas.

Na teórica búscase trazar o panorama xeral da man de dúas figuras de referencia á hora de falar de animación sociocultural como son Jaume Colomer e Jaron Rowan. Colomer é un experto en educación e xestión cultural e foi un dos pioneiros na introdución das prácticas da animación sociocultural en España. O seu coñecemento permitirá trazar as claves do nacemento e da implantación en España das teorías e das prácticas da animación sociocultural. A súa intervención titúlase “O discurso da animación sociocultural sobre a participación cidadá”. Pola súa parte, Jaron Rowan é unha das voces actuais de referencia a nivel iberoamericano que fala de cultura colaborativa a partir da innovación dixital. O seu relatorio titúlase “Participación, acceso á cultura e precariedade” e nel ofrecerá unha revisión da cultura colaborativa desde a súa relación coa esfera dixital, das novas dinámicas e o cuestionamento dos novos programas. Despois das súas intervencións haberá un tempo para un debate con estas dúas figuras de referencia.

A parte práctica permitirá coñecer a evolución da política cultural dun concello galego de tamaño medio na última década como é o caso de Boiro. O técnico municipal, Alberto García, ofrecerá a perspectiva desde o concello mentres que Ana Moreiras dará conta dun festival de cinema de ámbito escolar como é Olloboi.

Primeira sesión dun ciclo
Esta xornada é a primeira sesión dun ciclo que leva por título “Xornadas de Mediación Cultural” e que busca trazar unha panorámica e estimular o debate sobre aquelas disciplinas académicas ou profesionais que se centran en facilitar o acceso da cidadanía á cultura e/ou en propiciar a participación cidadá no feito creativo.

A seguinte das citas, que está prevista para o segundo semestre do ano, pretende coñecer o presente e a potencialidade das novas ferramentas e dispositivos dixitais para o achegamento de contidos culturais e artísticos. A terceira está centrada no patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos. A cuarta e última cita busca coñecer a situación dos medios de comunicación: o papel da prensa, televisión, radio e outras canles como escaparates da oferta cultural dun territorio.

Sección de Lingua
Esta xornada é unha actividade da Sección de Lingua, Literatura e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Está coordinada por Carme García Mateo e nela que participan membros como Xosé Henrique Monteagudo, Alba Nogueira e Mercedes Queixas. Entre as súas actividade recente destaca “Para que serven os datos lingüísticos?” ou “As tecnoloxías da lingua”.