Sharon Roseman falará de memoria e mulleres no ciclo “Conversas trasatlánticas”

A antropóloga canadense Sharon Roseman estará mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) para falar de memoria, etnografía e a vida das mulleres. A súa intervención forma parte do ciclo “Conversas trasatlánticas” que organiza a Comisión de Igualdade do CCG. O coloquio contará tamén coa presenza da profesora Luzia Oca González, ea científica Cristina Sánchez-Carretero. A cita poderá seguirse en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta cita poñerá o foco nas mulleres desde unha perspectiva cotiá pero tamén sobre as migracións, en canto marco estrutural na sociedade galega, e o mito do matriarcado. Haberá tamén lugar para unha serie de reflexións sobre a auto-etnografía e o seu uso na construción da memoria. A aplicación do punto de vista etnográfico na análise das mudanzas ocorridas nas relacións de xénero e, porén, de poder, entre homes e mulleres presenta toda unha serie de desafíos e particularidades que serán explorados na conversa.
O coloquio tamén deixa oco para temas ligados ao emerxer do movemento feminista, á vida nas cidades e ás transformacións sociais no mundo das redes de información.

Sharon Roseman
Catedrática en Antropoloxía e vicedecana de Investigacións na Facultade de Humanidades e Ciencias Sociais (Memorial University, Canadá). As súas áreas de investigación son o xénero, os vínculos rurais-urbanos, as mobilidades e tamén as linguas e culturas minorizadas, cunha especialización no estudo de Galicia e Canadá.

Publicou os libros O Santiaguiño de Carreira: o rexurdimento dunha base rural no concello de Zas; Intersecting journeys: The anthropology of pilgrimage and tourism (con E. Badone); Recasting culture and space in Iberian contexts(con S. Parkhurst); Antropoloxía das mulleres galegas. As outras olladas (con E. Alonso Población), e The tourism imaginary and pilgrimages to the edges of the world (con N. Herrero). O seu filme etnográfico máis recente é Stories would be told: The commuting career of Kay Coxworthy.

Conversas trasatlánticas
A Comisión de Igualdade do Cosnello da Cultura Galega promove periódicamente unha serie de coloquios titulados “Conversas transatlánticas”. Trátase dunha cita que pretende facer dialogar ideas e pensamento de ambas as dúas beiras do Atlántico. A primeira destas citas tivo lugar en setembro, focalizada no ámbito literario e nela participaron a arxentina María Rosa Lojo, a cubana Mirta Yáñez e a galega Inma López Silva, presentadas pola xornalista, escritora e coordinadora da comisión e membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, María Xosé Porteiro.

Outras noticias que te poden interesar: