NOTICIA

----

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega inaugura hoxe en Bos Aires a mostra “Galicia Imaxinada”

“Galicia Imaxinada” é a mostra que visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia nos séculos XIX e XX, através das revistas publicadas polas colectividades galegas de Cuba e da Arxentina. A exposición chega agora a Bos Aires, onde será inaugurada neste serán polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, xunto co reitor da Universidad de San Martín, Carlos Greco; o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e o embaixador de España na República Arxentina Javier Sandomingo Núñez. A mostra pódese ver no Campus de Miguelete, da Universidade San Martín, ata o 8 de maio.

A inauguración da exposición é unha das citas da axenda do vicepresidente en Bos Aires, onde ademais de manter encontros coa colectividade e palestras académicas, tamén se reuniu co ministro de cultura do goberno da cidade, Enrique Avogadro; o director xeral de Patrimonio, Juan Vaaxs, e mais a deputada da lexislatura porteña Cecilia Ferrero.

A exposición
A exposición que esta tarde se inaugura retrata a Galicia dos emigrantes, tanto a real como a idealizada. Faino através de vinte paneis que permiten visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia dende finais do século XIX. ‘Galicia imaxinada’ establece o seu discurso coa revisión de revistas galaico.porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, entre outras. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes, incluíndo os seus símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.
Alén da súa itinerancia en Bos Aires, outra copia da exposición está agora mesmo en Salvador de Bahía (Brasil) no Instituto de Letras da Universidade Federal de Baía. Alí foi inaugurada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e permanecerá aberta ata o 26 de abril.