NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega exhibe en As benvidas a chegada agridoce dos emigrantes a Nova York

As benvidas é unha exposición que documenta e celebra as amargas alegrías das chegadas e nos axuda a ver outra cara da historia, un novo comezar” afirmou María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG), no marco da inauguración que tivo lugar onte á tarde na sede de La Nacional, en Nova York. Canda ela estaba o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera; o presidente de La Nacional, Antonio Morales, xunto cos comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición serve de contrapunto doutra mostra que o CCG levou ao Museo da Migración de Ellis Island, “Os adeuses”, na que se que retrataban as despedidas dos emigrantes galegos.

As benvidas é unha mostra de pequeno formato comisariada por James D. Fernández e Luis Argeo que escolma un traballo de case dez anos de dixitalización dos arquivos familiares dos descendentes españois en EE. UU. Nela inclúen fotografías, documentos persoais e materiais que contribúen a perfilar a mestura de sentimentos encontrados dos emigrantes no momento da chegada aos Estados Unidos. A mostra está dividida en cinco apartados: “Non deixes de buscar ao tío Andrés, que xa sabe que chegas...”, “Lembra: o traballo e a economía, a maior lotería...”, “Apoiádevos os uns aos outros...”, “Non nos olvides” e “Volverás?”.
“O gran motivo é rememorar a gran vaga de galegos que chegaron a esta cidade e facelo en plan máis celebratorio que de lamento” apuntou o comisario James Fernández na inauguración. “Escollemos este título, As benvidas, para facer un contrapunto coa exposición de Alberto Martí, Os adeuses, e amosar a outra cara da emigración, a da alegría das vidas refeitas”, engadiu. Para James Fernández este tipo de exposición é un gran triunfo porque permite resaltar a emigración galega nunha cidade na que houbo tantos grupos e na que os españois están nun segundo plano. A exposición poderase ver na sede de La Nacional, The Spanish Benevolent, ata o 15 de maio.

O punto de partida: Os adeuses
As benvidas é unha exposición nova, deseñada para que funcione como contrapunto doutra mostra do Consello da Cultura Galega e que está nestes momentos en Nova York; trátase de Os adeuses, que documenta os últimos momentos da emigración galega a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí e que está aberta no Museo das Migracións de Ellis Island. Precisamente esta última exposición acaba de ser incluída dentro da programación de actividades da Semana do Patrimonio Inmigrante, que organiza o goberno da cidade de Nova York e que inclúe 75 eventos e máis de cen actividades.

A versión da exposición que está en Ellis Island consta de 50 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados, e o “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico portugués secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no 1961. Nesta parte pódese seguir a ollada dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo.

A maior parte destas imaxes permaneceran inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, composto por millóns de negativos, froito de anos de traballo.

Esta mostra tivo un amplo percorrido xa que itinerou por numerosos países como Brasil, Portugal, Arxentina e diferentes espazos en Galicia e está previsto que nos próximos meses se poidan anunciar novos destinos.