NOTICIA

----

Remedios Zafra falará mañá no Consello da Cultura Galega da precariedade da creación cultural

É unha escritora e tamén pensadora que orientou o seu traballo a facer un estudo crítico da cultura contemporánea, do feminismo, da creación e das políticas da identidade nas redes. A súa obra literaria está relacionada co ensaio e comprometida coa igualdade e coa crítica social. Remedios Zafra (Zuheros, 1973) estará mañá no Consello da Cultura Galega para falar da precariedade dos traballos creativos, que se converte nunha nova forma de domesticación. A súa intervención titúlase “Despois do entusiasmo. Creatividade e traballo creativo na Cultura-Rede” e forma parte do ciclo Pensarmos que coordina Carme Adán. A cita poderase seguir en directo desde o web institucional e están cubertas todas as prazas.

“Remedios Zafra continuará un periplo iniciado por Javier Echeverría no marco deste ciclo no que falará da precariedade laboral adornada de entusiasmo. A nova escravitude laboral do mundo dixital é asumida como un agasallo polas e polos millennials” asegura Carme Adán sobre a conferencia que terá lugar a partir das seis da tarde.

Remedios Zafra gañou o Premio Anagrama de Ensaio en 2017 por "O entusiasmo", unha obra na que se achegou ás condicións que rodean á xestión e creación cultural que, na súa opinión, se fan illadas do mundo material. Entre as súas liñas de pensamento destaca a idea de que o mundo cultural é insostible ao estar mantido por colaboradores a tempo parcial, bolseiros e figuras marcadas polo entusiasmo. Isto tradúcese nunha precariedade no traballo creativo que está tan asumida como natural que pasa desapercibida e leva consigo unha nova forma de domesticación. Sobre estas ideas falará con África López (A Coruña, 1966), profesora de Filosofía e autora de libros como “Concepción Arenal” (2004) e “Simone de Beauvoir” (2008).

Como vén sendo habitual, a conferencia pódese seguir en directo desde o web do Consello da Cultura Galega pero, por expreso desexo da relatora, o vídeo final non se arquivará na nosa canle de youtube.

O ciclo
“Esta proposta pretende analizar os temas de actualidade que nos abordan todos os días. É un ciclo pensado en forma de diálogo, de intercambio de ideas, de debate porque o valor da palabra está perdido”. Así explica Carme Adán a pertinencia deste foro que convocará cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos.

A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. O ciclo continuará o 23 maio coa participación de António Cunha e pechará o 27 xuño con Margarita Boladeras, que falará de eutanasia e morte digna.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.