NOTICIA

----

Diferentes expertos evidencian en San Simón a aplicación das novas tecnoloxías no coñecemento da Idade Media

Datación de igrexas altomedievais, descifrar algún dos enigmas do Pórtico da Gloria, recoñecer influencias medievais en cantantes actuais como Rosalía, e poder ler en rede os cancioneiros medievais. Son algúns dos usos que as novas tecnoloxías permiten tanto na investigación como na difusión do patrimonio medieval. Sobre eles falouse na xornada “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías” que o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Redondela, desenvolveu ao longo de todo o día na illa de San Simón.

A sesión da mañá permitiu redescubrir o patrimonio medieval desde dous puntos de vista: dunha banda a través do Pórtico da Gloria, a icona máis recoñecida para a sociedade; e, da outra, a través dun tupido tecido de igrexas de pequeno tamaño que se documentan en Galicia e que datan entre os séculos V e X.

Sobre o Pórtico falaron Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago; e Ramón Yzquiero Peiró, director técnico e conservador do Museo da Catedral que explicaron as técnicas empregadas nas diferentes etapas das intervencións . Uns traballos que se “fixeron con gran detalle e precisión malia contar coa presión de ter a opinión pública en contra”, explicou Lorenzo. Ademais, foi moi claro ao especificar que queda moito por facer, “o proceso de restauración non está acabado. Aínda que está completada unha das fases máis importantes da recuperación, queda moito camiño por diante”. O director técnico-conservador, Ramón Yzquierdo, foi un pouco mais alá e detallou os traballos da restauración e da policromía así como dos enigmas que se documentaron e investigaron a raíz dos traballos de recuperación e que permanecen abertos. Entre eles, a canteira de Figueiras na que se supón que o Mestre Mateo estivo e traballar unha proba que logo se concretaría no Pórtico da Gloria; ou fixar cando empeza e cando remata a obra mateana.

No seguinte bloque, Rebeca Blanca Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG; e José Carlos Sánchez Pardo, membro Grupo de investigación Síncrisis, da USC, falaron dunha investigación que reinterpreta as igrexas medievais. Na súa intervención explicaron que documentaron 681 igrexas e 291 conxuntos con indicios medievais. Uns traballos que contaron con abondosa tecnoloxía tanto no establecemento dun mapa como na hora de fixar o tempo das obras. Para a datación combináronse diferentes técnicas como a do carbono 14 e a da luminiscencia aplicada sobre os morteiros que permitiron obter información con grannivel de precisión.

Pola tarde, Antoni Rosell puxo varios exemplos de como diferentes músicos divulgan e interpretan elementos da música medieval a día de hoxe. Entre eles destacou o disco de Rosalía, “Malamente”, que está influído pola novela erótica medieval “Flamenca”. Ademais, fixo un repaso de obras medievais que a tradición popular conserva en lugares como México, Perú, a illa de Santo Tomé… e puxo o caso concreto de Santa María dos Neves en Portugal. Na súa opinión “a tradición popular modifica con música e instrumentos pero garda elementos medievais” e as redes contribúen á súa difusión e popularización, con independencia de que a xente saiba ou non identificar estas influencias.

Pechou a sesión a literatura. Graza Videira, da Universidade Nova de Lisboa, explicou o proxecto Litera, que deita en rede a totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses. Faino a través das imaxes dos manuscritos e das músicas (a medieval, as versión ou composicións orixinais contemporáneas que toman como punto de partida os textos das cantigas medievais). De seguido, Leticia Eirín, da Universidade da Coruña, deu as claves do Universo Cantigas, un proxecto que procuraba a edición crítica dixital dos textos que integran a lírica profana galego-portuguesa

Colaboración institucional
Esta iniciativa é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o alcalde do concello de Redondela, Javier Bas, para establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Ese acordo fixa, entre outras accións, a realización dunha actividade anual na illa de San Simón. Esta colaboración buscará aproveitar a ambivalencia dese espazo tan singular e organizar actividades que teñan vínculo tanto coa época medieval como co seu pasado vencellado ao momento en que foi un lazareto. Se neste primeiro ano está programada unha xornada sobre a cultura medieval, en 2020 está previsto que a cita xire sobre a temática da memoria e do exilio.

O acordo implica tamén o préstamo de exposicións que ten o CCG para a difusión da cultura de Galicia e que comezará no segundo semestre deste ano.