CONVOCATORIA

----

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2019 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación (código de procedemento PR970B).

Convocatoria de bolsas de colaboración en proxectos de investigación. 2019

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2019 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se anuncia a dita convocatoria (código de procedemento PR970B).

Ver bases

Tramitar solicitude

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, establece que lle compete a esta entidade investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2019 figura a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas á dita entidade na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cinco (5) bolsas de colaboración en proxectos de investigación no Consello da Cultura Galega durante o ano 2019.

2. Solicitudes.

a) Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo V desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base reguladora 6.

b) As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos na base 5 da convocatoria.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Información ás persoas interesadas.

a) Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional, a través dos seguintes medios:

a) Sede electrónica da Xunta de Galicia (https:sede.xunta.gal).

b) Páxina web oficial do Consello da Cultura Galega: http://www.consellodacultura.gal.

c) Teléfono 981 95 72 02 ou enderezo electrónico rexistro@consellodacultura.gal.

d) Presencialmente: Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi, 2º andar; praza do Obradoiro; 15705 Santiago de Compostela.

b) Para dúbidas referidas a dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, que empezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019