----

O Consello da Cultura Galega e SondeSeu lembran a faceta etnográfica de Fraguas na novena edición do Concerto das Letras Galegas

Antonio Fraguas foi un defensor, compilador e difusor da cultura tradicional. Unha faceta que o Consello da Cultura Galega quere pór en valor no seu tradicional Concerto das Letras Galegas. Por iso, na novena edición desta cita habitual no mes das letras, o programa pretende ser unha chiscadela á cultura patrimonial que tanto axudou a recuperar Fraguas e que encaixa co traballo da orquestra folk SonDeSeu. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou hoxe o concerto, que “serve de punto de arranque da Festa das Letras”. Canda ela estaban o director da orquestra, Rodrigo Romaní, e Xaquín Xesteira. Ambos os dous compuxeron a peza que se estrea nesta ocasión: a “Suite Cotobade”, que está dividida en catro partes e elaborada a partir de materiais recadados na parroquia natal de Fraguas. O concerto terá lugar o 16 de maio no Auditorio de Galicia. A entrada é libre e gratuíta, previa recollida de entradas.

O habitual concerto que o Consello da Cultura Galega organiza con motivo do do Día das Letras Galegas terá lugar este ano en Compostela. “É onde recibiu o afecto dos seus compañeiros, onde desenvolveu boa parte da súa actividade profesional e onde repousan os seus restos” explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación. O programa deseñado para a ocasión recupera o seu labor de etnógrafo xa que pretende unha recreación da música popular partindo de elementos primordiais da tradición oral, procedentes tanto de recolleitas de campo —algunhas delas realizadas por mestres da propia orquestra—, coma de arquivos privados e compilacións xa publicadas. O concerto terá entón esa chiscadela á cultura de base que Fraguas contribuíu a recuperar. As entradas son de balde e poden recollerse a partir do día 9 no despacho de billetes do Teatro Principal ou o propio día no Auditorio de Galicia (só se entregarán dous convites por persoa).

“Suite Cotobade”, estrea
A orixe pontevedresa de Antonio Fraguas estará moi presente no programa desta gran cita musical, antesala das celebracións do Día das Letras Galegas. Será a través da “Suite Cotobade”, composta por Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní. Esta peza foi creada a partir de materiais recadados no concello de Cerdedo-Cotobade por Xisco Feijoo, María Vidal e Guillerme Ignacio. Ademais inclúe a coa evocación dun tema clásico do extensísimo repertorio gaitístico galego, o “Pasodobre de Viascón”, gravado en 1980 por outro ilustre persoeiro desa freguesía, Ricardo Portela. A “Suite Cotobade” está dividida en catro partes que se interpretan sen interrupción, ten unha duración aproximada de quince minutos e a súa estrea ocupa a primeira parte do programa.

A segunda parte do programa, tal e como explicou Rodrigo Romaní na rolda, suporá un exemplo do traballo de SonDeSeu, formación nada en 2001 e pioneira como orquestra folk contemporánea. Nesta ocasión, contará coa colaboración do Fiadeiro, grupo etnográfico dedicado á recuperación da música e do baile tradicional, que participa dobremente con achegas de baile e tamén de canto.

Web sobre Antonio Fraguas
Ademais da presentación do Concerto das Letras Galegas, a presidenta do Consello da Cultura Galega fixo público o sitio web institucional que contén información sobre Antonio Fraguas. Nel poderase consultar unha biografía elaborada por Clodio González, unha escolma de fotografías no marco das actividades en que participou como coordinador da Sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega así como unha escolma de publicacións editadas, coordinadas por el ou sobre el.

No marco deste especial web tamén se poderá escoitar a voz de Antonio Fraguas falando de como lle afectou a represión, doutras figuras da cultura galega como Vicente Risco ou de como se define a si mesmo.