----

Xa están dispoñibles as entradas do Concerto das Letras Galegas

Desde hoxe xa se poden recoller as entradas para asistir ao Concerto das Letras Galegas que terá lugar o vindeiro día 16 de maio (ás 20:30 horas) no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, o concerto institucional corre a cargo da Orquestra folk SondeSeu coa colaboración do grupo de baile O Fiadoiro. As entradas son gratuítas e retíranse no Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h) ou o propio día 16 no auditorio. Só se poden retirar dúas entradas por persoa.

O programa deseñado para a ocasión recupera o seu labor de etnógrafo xa que pretende unha recreación da música popular partindo de elementos primordiais da tradición oral, procedentes tanto de recolleitas de campo —algunhas delas realizadas por mestres da propia orquestra—, coma de arquivos privados e compilacións xa publicadas. O concerto terá entón esa chiscadela á cultura de base que Fraguas contribuíu a recuperar.

A orixe pontevedresa de Antonio Fraguas estará moi presente no programa desta gran cita musical, antesala das celebracións do Día das Letras Galegas. Será a través da “Suite Cotobade”, composta por Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní. Esta peza foi creada a partir de materiais recadados no concello de Cerdedo-Cotobade por Xisco Feijoo, María Vidal e Guillerme Ignacio. Ademais inclúe a coa evocación dun tema clásico do extensísimo repertorio gaitístico galego, o “Pasodobre de Viascón”, gravado en 1980 por outro ilustre persoeiro desa freguesía, Ricardo Portela. A “Suite Cotobade” está dividida en catro partes que se interpretan sen interrupción, ten unha duración aproximada de quince minutos e a súa estrea ocupa a primeira parte do programa.

A segunda parte do programa suporá un exemplo do traballo de SonDeSeu, formación nada en 2001 e pioneira como orquestra folk contemporánea. Nesta ocasión, contará coa colaboración do Fiadeiro, grupo etnográfico dedicado á recuperación da música e do baile tradicional, que participa dobremente con achegas de baile e tamén de canto.