O Consello da Cultura analiza a etapa inicial de Antonio Fraguas na súa publicación de homenaxe

Son as primeiras publicacións etnográficas, están en galego e son anteriores á Guerra Civil. Son os principais criterios elixidos polo Consello da Cultura Galega no libro de homenaxe a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas. Con esta publicación ponse o acento na súa etapa inicial, na de pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, que senta as bases do seu pensamento. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o autor do estudo crítico e biográfico, Clodio González; e o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Xusto Beramendi, presentaron esta mañá a edición facsimilar numerada. Ademais, tamén se presentou o Roteiro Fraguas, que ofrece un percorrido de 39 puntos que discorre pola vida e obra do etnógrafo.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“O entroido nas terras do Sul de Cotobade”, “O culto ós mortos”, “Do folk-lore de Armeses-Listanco” e “As lêndas da Fonte Pormás” son catro pezas datadas entre 1930 e 1932 e de contido etnográfico. As catro conforman a habitual publicación facsimilar coa que o Consello da Cultura Galega homenaxea a figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o CCG quixo ser fiel ao legado de Fraguas e seleccionou catro obras anteriores á Guerra Civil, que están en galego, lingua que el teimou en normalizar tamén nos espazos e ámbitos dos que unha historia pouco natural a afastara.

É Clodio González Pérez —quen compartiu con don Antonio traballos, angueiras, proxectos e realidades no seo da xa desaparecida Sección de Antropoloxía Cultural que tivo o CCG— a persoa encargada de facer o estudo crítico e de seleccionar os artigos. Son textos iniciais pero que sintetizan as liñas de traballo polas que transcorrería o legado cultural de Fraguas.

“O entroido nas terras do Sul de Cotobade” é de 1930 e marcou o punto de inicio das publicacións etnográficas e das que se refiren á súa terra natal. Ademais, permite coñecer algunhas tradicións do entroido da zona que xa esmoreceran. Un ano sae á luz “O culto aos mortos”, que é un retallo dunha conferencia que pronunciou no Ateneo de Vigo e no que recolle crenzas, lendas e ditos de Loureiro. Nese mesmo ano tamén publica o texto “Do folk-lore de Armeses-Listanco”, unha pequena homenaxe á terra da súa nai, a aldea de Listanco, na parroquia de Armeses, e nel recolle contos, algúns trabalinguas e un cancioneiro de 9 cantigas. Esta edición facsimilar pecha con “As lêndas da Fonte Pormás”, no que fala desta fonte sita na freguesía da Castañeda, no concello de Arzúa, e aproveita para contar todo o que sabe das fontes.

Roteiro
Canda a publicación tamén se deu a coñecer o Roteiro Antonio Fraguas, itinerario que percorre a vida e a obra de Antonio Fraguas en 39 paradas que se suceden entre as provincias de Ourense e de Pontevedra. A presentación correu a cargo de Manuel Gago que explicou que se trata “dun itinerario que permite recuperar a obra menos coñecida de Antonio Fraguas”. Esta proposta elaborada por Clodio González a partir de textos do propio Fraguas precisa entre 48 e 27 horas para se percorrer.
Esta proposta insírese dentro do Proxecto Roteiros que o Consello da Cultura Galega mantén desde o ano 2009 e que está en fase de actualización. Trátase dunha iniciativa que ofrece propostas culturais a través dunha plataforma web, con versión adaptable para dispositivos móbiles, que permite visualizar a nosa xeografía a través de figuras recoñecidas da cultura galega.

Concerto das Letras Galegas
Ademais da publicación, o Consello da Cultura Galega programa para o día 16 de maio (20:30 horas, Auditorio de Galicia) do Día das Letras Galegas un concerto institucional. Nesta ocasión recupera o labor de etnógrafo de don Antonio xa que pretende unha recreación da música popular partindo de elementos primordiais da tradición oral, procedentes tanto de recolleitas de campo —algunhas delas realizadas por mestres da propia orquestra SonDeSeu— coma de arquivos privados e compilacións xa publicadas. O concerto terá entón esa chiscadela á cultura de base que Fraguas contribuíu a recuperar. A orixe pontevedresa de Antonio Fraguas estará moi presente no programa desta gran cita musical. Será a través da “Suite Cotobade”, composta por Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní. Esta peza foi creada a partir de materiais recadados no concello de Cerdedo-Cotobade por Xisco Feijoo, María Vidal e Guillerme Ignacio. Ademais inclúe un tema clásico do extensísimo repertorio gaitístico galego, o “Pasodobre de Viascón”, gravado en 1980 por outro ilustre persoeiro desa freguesía, Ricardo Portela. A “Suite Cotobade” está dividida en catro partes que se interpretan sen interrupción, ten unha duración aproximada de quince minutos e a súa estrea ocupa a primeira parte do programa.
A segunda parte do programa suporá un exemplo do traballo de SonDeSeu, formación nada en 2001 e pioneira como orquestra folk contemporánea. Nesta ocasión contará coa colaboración do Fiadeiro, grupo etnográfico dedicado á recuperación da música e do baile tradicional, que participa dobremente con achegas de baile e tamén de canto.

Outras noticias que te poden interesar: