NOTICIA

----

Amancio Prada recrea a poesía de Cunqueiro nun concerto único: Camelias para Cunqueiro

Inspirado no seu último encontro con Cunqueiro, o cantautor berciano ofrece neste concerto unha versión da poesía do escritor mindoniense. O concerto celebrarase no Salón de Teatro de Santiago o venres 10 de xuño ás 21 horas.
Amancio Prada recrea a poesía de Cunqueiro nun concerto único: <i>Camelias para Cunqueiro</i>

Amancio Prada, acompañado ao violonchelo por Hilary Fielding, na guitarra e mandola por Josete Ordóñez, interpretará diferentes poemas de Álvaro Cunqueiro. Desde No sono do cuco novo á A dorna vai e vén, os textos neotrobadorescos que Cunqueiro compuxo en Compostela na súa mocidade cobrarán vida e música na voz de Amancio Prada.

O concerto celebrarase no Salón Teatro de Santiago (Rúa Nova, 34) o venres 10 de xuño ás 21:00 h. Está organizado por AGADIC coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

Venda de entradas
As localidades para Camelias para Cunqueiro poden adquirirse por adiantado a través da billeteira electrónica da web de Novacaixagalicia (www.novacaixagalicia.es) ou do teléfono a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40% para estudantes, titulares do carné xove, xubilados e persoas en situación de desemprego. A billeteira do Salón Teatro abrirá o mesmo día do concerto, a partir das 19.00 horas.

Amancio Prada narra así o encontro co escritor que inspirou o concerto Camelias para Cunqueiro:

"Un día de 1976, asinando exemplares dos meus dous primeiros discos, Vida e Morte e Rosalía de Castro, nunha tenda de Vigo, apareceu o meu amigo Carlos Casares en compañía de Álvaro Cunqueiro.

Presentounos e estivemos a charlar un anaco. Díxome entón Cunqueiro que me ía mandar un artigo que escribira e publicara sobre as miñas cancións de Rosalía... A verdade é que nunca cheguei a ver aquel artigo; pero faime ilusión pensar que existe, ou que existiu na súa imaxinación, aínda que quede coas ganas de lelo. Foi a primeira vez que vin a Cunqueiro. A segunda e a última sería anos máis tarde,
no outono do 80: dera un recital en Vigo e, paseando pola cidade, descubrín nunha libraría o primeiro tomo recentemente editado da súa obra en galego completa: Poesía e Teatro. Merqueino e, coa desculpa de que mo asinase, chameino; quedamos en vernos pola tarde na súa casa. Acompañoume Víctor Freixanes.

Ofreceunos un café cunha copa de augardente de herbas. Un sol apoucado douraba as mazás estendidas nun canto da sala. Falamos de Lord Dunsany, dos primeiros trobadores e das novas cantigas
do libro que me estaba a dedicar... Cando lle comentei o meu propósito de poñerlles música alegróuselle a cara. Ao despedirnos, trataba de imaxinarme o Cunqueiro mozo que escribira Dona do corpo delgado. O mesmo que agora estará a vivir algún dos seus marabillosos mundos soñados, xunto a Merlín e familia, con Bernal de Bonaval e con Mendiño, roldando á princesita aquela da garganta de cristal, que se poñía colorada ao beber ribeiro tinto, sob os abelaneiros frolidos...

Vaian estas cantigas como camelias para quen fixo que coa súa obra Galicia viva mil primaveras máis."

Amancio Prada