NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega abre mañá as celebracións sobre Fraguas co Concerto das Letras Galegas

As celebracións do Día das Letras Galegas arrincan mañá cunha nova edición do Concerto das Letras Galegas. Unha cita habitual no calendario que pretende celebrar, a golpe de música, a figura do homenaxeado en cada edición. Nesta ocasión o programa inspírase na cultura patrimonial que tanto axudou a recuperar Antonio Fraguas e tradúcese nun concerto da orquestra folk SonDeSeu coa actuación do grupo de baile O Fiadoiro. O concerto suporá a estrea da peza “Suite Cotobade”, composta por Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira. O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, é de balde e as entradas poden recollerse no mesmo espazo antes da actuación.

O habitual concerto que o Consello da Cultura Galega organiza con motivo do do Día das Letras Galegas terá lugar este ano en Compostela. “É onde recibiu o afecto dos seus compañeiros, onde desenvolveu boa parte da súa actividade profesional e onde repousan os seus restos” explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación desta cita. O programa deseñado para a ocasión recupera o seu labor de etnógrafo xa que pretende unha recreación da música popular partindo de elementos primordiais da tradición oral, procedentes tanto de recolleitas de campo —algunhas delas realizadas por mestres da propia orquestra—, coma de arquivos privados e compilacións xa publicadas. O concerto terá entón esa chiscadela á cultura de base que Fraguas contribuíu a recuperar.

“Suite Cotobade”, estrea
A orixe pontevedresa de Antonio Fraguas estará moi presente no programa desta gran cita musical, antesala das celebracións do Día das Letras Galegas. Será a través da “Suite Cotobade”, composta por Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní. Esta peza foi creada a partir de materiais recadados no concello de Cerdedo-Cotobade por Xisco Feijoo, María Vidal e Guillerme Ignacio. Ademais inclúe a coa evocación dun tema clásico do extensísimo repertorio gaitístico galego, o “Pasodobre de Viascón”, gravado en 1980 por outro ilustre persoeiro desa freguesía, Ricardo Portela. A “Suite Cotobade” está dividida en catro partes que se interpretan sen interrupción, ten unha duración aproximada de quince minutos e a súa estrea ocupa a primeira parte do programa.

A segunda parte do programa suporá un exemplo do traballo de SonDeSeu, formación nada en 2001 e pioneira como orquestra folk contemporánea. Nesta ocasión, contará coa colaboración do Fiadeiro, grupo etnográfico dedicado á recuperación da música e do baile tradicional, que participa dobremente con achegas de baile e tamén de canto.