O Concerto das Letras Galegas abre coa “Suite Cotobade” os actos de homenaxe a Antonio Fraguas

A recolleita de materiais sonoros no concello natal de Antonio Fraguas serviulle a Rodrigo Romaní e a Xaquín Xesteira para compor “Suite Cotobade” a peza que esta noite abriu o programa do Concerto das Letras Galegas. O Consello da Cultura Galega pensou para esta novena edición unha proposta musical que reflexase ese amor pola cultura patrimonial sobre a que tanto traballou Fraguas. E o resultado concretouse no tándem entre a orquestra folk SondeSeu e o grupo de baile O Fiadeiro. O público respondeu cun aforo case completo entre os que estaban a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega; Víctor Freixanes e outras autoridades.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O programa comezou co prato forte da noite, coa estrea da “Suite Cotobade”, composta por Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní, a partir de materiais recadados no concello de Cerdedo-Cotobade por Xisco Feijoo, María Vidal e Guillerme Ignacio. Esta composición está dividida en catro partes que se interpretan sen interrupción. O concerto continuou coa evocación dun tema clásico do extensísimo repertorio gaitístico galego, o “Pasodobre de Viascón”, gravado en 1980 por outro ilustre persoeiro desa freguesía, Ricardo Portela.
A segunda parte do programa supuxo un exemplo do traballo de SonDeSeu, formación nada en 2001 e pioneira como orquestra folk contemporánea. Nesta ocasión, contou coa colaboración do Fiadeiro, grupo etnográfico dedicado á recuperación da música e do baile tradicional, que participa dobremente con achegas de baile e tamén de canto. O programa moi enraizado na música popular partía de elementos primordiais da tradición oral, procedentes tanto de recolleitas de campo, coma de arquivos privados e compilacións xa publicadas. O concerto tivo esa chiscadela á cultura de base que Fraguas contribuíu a recuperar. Desenvolveuse en Compostela por moitos motivos relacionados coa biografía de Fraguas: aquí repousan os seus restos, é onde desenvolveu boa parte da súa actividade profesional e porque mantivo unha activa vida cultural.

O Consello da Cultura Galega no Día das Letras Galegas
Ademais do habitual concerto institucional, o Consello da Cultura Galega desenvolveu unha serie de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas. A primeira delas foi a presentación dun sitio web no que deu acubillo a diferente material sobre Fraguas que recolle un perfil biográfico; parte da súa actividade como coordinador da Sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega; fotografías e audios nos que el mesmo fala sobre como lle afectou a represión así como doutras figuras da cultura galega.

“Primeiros estudos etnográficos (1930-1936)” é o título da publicación facsimilar editada polo CCG especialmente para esta ocasión. Son as primeiras publicacións etnográficas escritas por Fraguas, están en galego e son anteriores á Guerra Civil. Deste xeito pretendíase poñer o acento na súa etapa inicial, na de pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, que senta as bases do seu pensamento.

Ademais, nestes días tamén se deu a coñecer o Roteiro Antonio Fraguas. Un itinerario elaborado por Clodio González que percorre a vida e a obra de Antonio Fraguas en 39 paradas que se suceden entre as provincias de Ourense e de Pontevedra.