“A idea do encontro é presentar as investigacións sobre unha serie de materiais do Bronce Final, datados entre 1300 e o 750 antes de Cristo” explica Xosé-Lois Armada. Son preto dunha vintena pezas, de composición metálica que, tras ser estudadas, “nos permiten supoñer que o metal procede do sur da Península Ibérica, o que nos di que nese momento había unha circulación de metal a longa distancia” apunta este relator. Na sesión de mañá explicará, entre outras novidades, que a composición destas pezas é diferente doutras que apareceron noutras zonas de Galicia xa que non conteñen chumbo. Estes materiais, a documentación da súa orixe e outras novidades estarán visibles para o público no verán; será no marco da exposición “Cinco vidas, unha historia”, que explicará na tarde de mañá Antoni Nicolau, director de proxectos de Kultura S.L.
O programa complétase coa participación de Yolanda Porto Tenreiro, arqueóloga-restauradora e xerente de Fráxil, co relatorio titulado “Tratamento de conservación dos artefactos do Bronce Final da colección arqueolóxica da USC”.
Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pon o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Teresa Nieto, Beatriz Prieto, Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.