NOTICIA

----

O Consello da Cultura inaugura en Bos Aires Galicia Imaxinada, a mostra que recolle a contribución da emigración á construción da identidade galega

O Hall de Honor do "Palacio de la Legislatura da Ciudad Autónoma de Buenos Aires" é un espazo privilexiado que acolle ata o venres a exposición do Consello da Cultura Galega "Galicia Imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións.

A emigración foi esencial na configuración de moitos dos símbolos que temos a día de hoxe. Por iso, a revisión de cal é a influencia das colectividades galegas emigradas en América na configuración do símbolos de identidade de Galicia está totalmente vixente. A exposición Galicia Imaxinada presta atención a esa construción identitaria a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, entre outras referencias. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

A exposición
Esta exposición retrata a Galicia dos emigrantes: a real e a idealizada” apunta a comisaria, Chus Martínez Domínguez, no catálogo dunha mostra que, nas súas palabras “falan dos significados da mirada cotiá, coa que observan ás persoas, á paisaxe, ao patrimonio e á política. Tamén aos sentimentos máis profundos vinculados co amor á patria e coa saudade polo deixado atrás”.

Un dos puntos de partida desa mostra está na recuperación que o Consello da Cultura Galega fixo en 2014 de Céltiga , a revista porteña que foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932 e na que publicaron tanto notables intelectuais arxentinos como escritores, periodistas, poetas e artistas galegos de todas as disciplinas. Foi no traballo de recuperación desa cabeceira cando emerxeu unha mostra que permite, en palabras de Ramón Villares, “aproveitar o grande esforzo realizado por moitos axentes da emigración e que nos permite coñecer como eles viron Galicia, a súa Galicia imaxinada”.

A exposición na actividade do CCG
Esta exposición insírese nunha liña de traballo continuada do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o traballo da emigración en prol do patrimonio cultural galego. Comezou en 1992 con “Galicia-América: cinco séculos de historia” e continúa ata o presente como exposicións como “Nós mesmos”, “Luces de Alén-mar” ou “Os Adeuses”. As mostras máis recentes pódense visualizar de xeito íntegro no web do Consello da Cultura Galega. Alén dos paneis expositivos, no web pódese visualizar información complementaria como o catálogo, o folleto de man así como as itinerancias de cada unha das mostras.