NOTICIA

----

Os colexios públicos galegos encabezan o uso de Entornos Virtuais de Aprendizaxe segundo o Observatorio da Cultura Galega

Facer exercicios en liña, interactuar co profesorado, traballar en equipo... son algunhas das accións que permiten os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA). E, nese modelo educativo, Galicia está á cabeza do conxunto do Estado. Así o constata o Documento de traballo Tecnoloxías da información e a comunicación que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe tamén deixa outros datos, como que o 81,9% dos galegos e galegas empregan as redes sociais e fano para comunicarse coas amizades e estar informados. Facebook é a rede predominante, seguida de lonxe por Instagram e Twitter.

Tecnoloxías da información e a comunicación é o título do último Documento de traballo (DT) do Observatorio da Cultura e analiza dous aspectos fundamentais relacionados con Internet e coa Sociedade da Información; dunha banda, a implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nos fogares galegos e, da outra, as relacións xurdidas entre os internautas a partir do uso da rede.
As TIC na escola
O estudo dedica unha parte destacada a coñecer a situación de equipamento e uso nos centros escolares. Os indicadores constatan unhas cifras en aumento xa que a ratio de alumnos por ordenador no curso 2016-2017 é de 2,3 e non a de 3,1 de cinco cursos antes. Se se ten en conta a titularidade dos centros, os públicos están mellor equipados que os privados. No conxunto do Estado, Galicia, País Vasco e Estremadura teñen a media de alumnos por ordenador máis baixa, fronte á Comunidade de Madrid, que ten 5 escolares por cada máquina. A situación é diferente no que afecta ao equipamento do profesorado. As cifras que destaca este informe explican que o número medio de profesores por ordenador sitúa a Galicia en peor posición ca o conxunto de España, dado que a media é de 2,2 profesores por cada equipo e na media de España é de 1,9.
O DT tamén constata que a conectividade dos centros a Internet é moi positiva. Practicamente a totalidade dos centros educativos teñen conexión. E, nese caso, Galicia supera en 1,2 puntos a media estatal, cunha taxa do 95,8%. E, igual que acontecía na ratio de ordenador por centro, as porcentaxes son máis elevadas no caso de centros públicos. A porcentaxe galega de aulas con conexión a Internet é 3 puntos porcentuais inferior á dos centros públicos, mentres que no conxunto do Estado é á inversa, 1,2 puntos porcentuais superior.
Con respecto ao que se fai con eses equipamentos, o informe constata que o 91,6% dos centros educativos da comunidade galega dispón de páxina web pero o uso máis destacado ten que ver co emprego de Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA), que implica as tecnoloxías no proceso educativo. Isto implica accións como a realización de exercicios, a interacción co profesorado ou traballo en equipo. Neste eido, Galicia está á cabeza de todas as comunidades autónomas na prestación do servizo e supera a media estatal en 34 puntos porcentuais. A desigualdade de uso é grande entre centros públicos (87,1%) e privados (28,8%), o contrario do que acontece no resto do Estado.
Usos da rede
En Galicia gústannos as redes. Oito de cada dez galegos úsanas e, dentro delas, Facebook é a máis empregada. O 81,4% das e dos internautas galegos elixen esa rede para comunicarse, informarse e subir fotos, comentarios e opinións. Xa, a moita distancia, Instagram é a segunda opción (55,3%), seguida de Twitter (47,3%) e LinkedIn (25,2%). O uso das redes en Galicia sitúanos por riba da media no conxunto de España. O DT tamén constata o descenso da consulta dos blogs, sexan profesionais ou doutro tipo. En canto ás webs, Google segue a ser a páxina máis consultada tanto en Galicia (28,7%) coma no conxunto de España (28,1%). A segunda con maior índice de acceso na comunidade galega é La Voz de Galicia, cun 18,1%. Youtube, Amazon, Marca, El País, Faro de Vigo, Meteogalicia e Xunta de Galicia tamén están entre as páxinas máis visitadas.

Con respecto ao servizo de mensaxaría instantánea, WhatsApp é a aplicación preferida, cun 95,1% dos usuarios. Séguenlle outros como Telegram ou Facebook Messenguer pero cunha distancia considerable, un 24,6% e un 13,7% respectivamente. Skype baixou considerablemente o seu uso desde 2016 pois pasou do 36,6% ao 24,3%.

Ler noticias segue a ser o motivo principal para conectarse á rede (o 87% dos usuarios fano por ese motivo). Pero hai outros como ver series ou películas en liña. Respecto das actividades de pagamento, a máis habitual é a de ver películas ou series sen descargar. Neste caso, Galicia supera a media de España en 2,1 puntos porcentuais.

Implantación das TIC no fogar
A incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación no fogar medrou nos últimos anos e esa mellora produciuse, sobre todo, nas comunicacións. A conexión por cable ou fibra sitúanos nos postos de cola de España pero experimentamos unha suba moi significativa. Se en 2017 a conexión ADSL era maioritaria, en 2018 cedeu ese posto á fibra, que subiu 5,8 puntos porcentuais, ata chegar ao 47,4%.
No ano 2018 houbo en Galicia 148 000 usuarios máis de comercio electrónico que en 2015. Pola rede compramos principalmente roupa e artigos deportivos, e hai diferenzas en función de quen compre. Os homes fano máis que as mulleres e cunha distancia considerable: o 43,7% dos homes fronte ao 37,3% das mulleres. Agás neste caso, as diferenzas de comportamento por xénero acúrtanse.

Entre os datos que destacar, figura que en 2018 un 94,2% das nenas e nenos galegos de 10 a 15 anos utilizou o ordenador, un 95,3% accedeu a Internet e un 66,5% dispuxo de teléfono móbil. A mocidade galega supera á do conxunto de España nas dúas primeiras actividades, en cambio dispón en menor medida de teléfono móbil, 3,3 puntos por debaixo.