NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura inaugura en Río de Xaneiro a exposición Galicia imaxinada

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugura esta tarde no Instituto Cervantes de Río de Xaneiro a exposición "Galicia imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións. A cita insírese dentro dunha serie de reunións que a presidenta desenvolve no marco dunha viaxe institucional a Brasil.

O Instituto Cervantes de Río de Xaneiro acolle ata o vindeiro día 29 a exposición Galicia imaxinada, que pretende amosar a influencia da emigración galega na configuración da identidade galega. A inauguración terá lugar esta tarde (19:00 hora local) e nela participan a presidenta da institución, Rosario Álvarez; o director desta sede do Instituto Cervantes, Antonio Maura Barandiarán; e Valentín García en representación da Xunta de Galicia.
A actividade enmárcase dentro dunha serie de actividades que comezan hoxe cunha mesa redonda na Universidade Federal do Rio de Janeiro que organiza a Academia Brasileira de Letras (ABL). Nela participan, ademais da presidenta do CCG, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o académico Henrique Monteagudo. No marco desta cita, a presidenta falará das relacións Galicia-América na cultura galega. Todos eles volverán reunirse o xoves 6 nunha recepción organizada pola ABL. Ese mesmo día, a presidenta realizará unha visita á Casa de Espanha, onde se reunirá coa directiva des entidade.
Ademais, a presidenta e varios membros da Real Academia Galega, que participarán esta semana en varios actos na capital carioca, foron recibidos pola académica de honra Nélida Piñon na súa casa de Río de Xaneiro.

A exposición: Galicia imaxinada
A emigración foi esencial na configuración de moitos dos símbolos que temos hoxe en día. Por iso, a revisión de cal é a influencia das colectividades galegas emigradas en América na configuración do símbolos de identidade de Galicia está totalmente vixente. A exposición Galicia imaxinada presta atención a esa construción identitaria a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, entre outras referencias. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

“Esta exposición retrata a Galicia dos emigrantes: a real e a idealizada”, apunta a comisaria, Chus Martínez Domínguez, no catálogo dunha mostra que, nas súas palabras, fala “dos significados da mirada cotiá, coa que observan ás persoas, á paisaxe, ao patrimonio e á política. Tamén aos sentimentos máis profundos vinculados co amor á patria e coa saudade polo deixado atrás”.

Un dos puntos de partida desa mostra está na recuperación que o Consello da Cultura Galega fixo en 2014 de Céltiga , a revista porteña que foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932 e na que publicaron tanto notables intelectuais arxentinos como escritores, periodistas, poetas e artistas galegos de todas as disciplinas. Foi no traballo de recuperación desa cabeceira cando emerxeu unha mostra que permite aproveitar o grande esforzo realizado por moitos axentes da emigración e que nos permite coñecer como eles viron a súa
“Galicia imaxinada”, que lle dá título á mostra.

A exposición na actividade do CCG
Esta exposición insírese nunha liña de traballo continuada do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o traballo da emigración en prol do patrimonio cultural galego. Comezou en 1992 con “Galicia-América: cinco séculos de historia” e continúa ata o presente con exposicións como “Nós mesmos”, “Luces de alén-mar” , “Os adeuses”, “Alba de gloria” ou “Galicia 100”.

Outras noticias que che poden interesar