NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e Afundación levan mañá a Ourense a mostra Son de Galicia, que recoñece o labor da Coral De Ruada

Inaugurouse na Coruña, continuou en Ferrol e fai agora parada en Ourense. Falamos de Son de Galicia, unha exposición que percorre a biografía dos catro coros históricos que permanecen activos: Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada mais Cantigas e Agarimos, para contar como a través do baile e da música contribuíron a sentar a identidade galega. Esta mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración de Afundación e as catro sociedades corais históricas, chega agora a Ourense. Este xoves terá lugar a inauguración, na que participarán o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas; Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, e o presidente da Coral De Ruada, Samuel Lago. A exposición poderase ver na sede Afundación Ourense ata o 7 de xullo.

Son de Galicia chega agora a Ourense para explicar, a través de trinta paneis, a historia galega construída a través de catro formacións que permanecen aínda operativas. A mostra permite coñecer a historia da Coral De Ruada, pero tamén de Toxos e Froles, Cántigas da Terra e mais Cantigas e Agarimos. Non son só apuntamentos biográficos destas entidades senón que serven de pretexto para facer unha lectura moito máis ampla que permite recoñecer o traballo común destas entidades na configuración e divulgación da identidade galega. Por iso, a exposición presta atención ao labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais dos paneis, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), haberá espazo para material audiovisual que permite descubrir imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha e que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
A orixe dos coros galegos nace con perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro “Aires da Terra” cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e a da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. En resumo, foi a orixe e o modelo no que se espellaron todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contar a identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo acubillado polas Irmandades da Fala.

Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, que tomaron conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no caso de que se poida dicir así dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo; un carácter amador non exento de tenzóns e retesías internas.

A exposición permite ver outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: o seu carácter amador pois os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; a súa solidariedade xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas deste tipo tanto en Galicia como fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... e tamén dá conta dunha faceta de embaixadores da cultura galega, con máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.