----

O Consello da Cultura propón un novo contrato institucional e social para o futuro da cultura galega

Os impulsores do diálogo e os debates orientados a procurar estratexias compartidas para a cultura galega subliñan a necesidade dun novo contrato institucional e social para o futuro dun sector estratéxico no país. Así o proclama a publicación Reflexión estratéxica sobre a cultura galega, presentada hoxe no Consello da Cultura Galega, institución editora, promotora e acolledora dos debates, reflexións e centos de propostas que, durante máis dun ano, abriron e fomentaron o diálogo entre o sector e a sociedade galega.
O Consello da Cultura propón un novo contrato institucional e social para o futuro da cultura galega

O presidente da institución, Ramón Villares, destacou que o resultado desta reflexión colectiva debe ser sometido agora á consideración da sociedade, das súas institucións públicas e privadas. Canda o presidente interviron os coordinadores das cinco áreas que estruturaron a reflexión estratéxica.

O presidente do CCG, Ramón Villares, enmarcou a realidade do sector da cultura nunha sociedade de masas fortemente terciarizada e fixo fincapé na súa proxección económica -supón o 2 por cento do Produto Interior Bruto- polo que “debe ser visto como un compoñente básico da estrutura produtiva, como un factor de desenvolvemento, e non como unha ocupación temporeira nun rexime de voluntariado”.

Chamou tamén a atención sobre o feito de que a proposta presentada hoxe reclama mudanzas moi profundas no campo da gobernanza da cultura e a aplicación dos procedementos de planificación, avaliación por organismos independentes do poder executivo e a instrumentación de mecanismos de rendición de contas.

Ao antedito sumou o valor dos contidos da cultura como marca para a proxección exterior de Galicia. A cultura como espazo de diálogo e forxa da autoestima colectiva, pero tamén o campo en que é necesaria a mestizaxe e a concepción da identidade como un proxecto compartido. A idea da cultura como ponte que permita o diálogo intercultural, “en primeiro termo coas culturas ibéricas máis próximas, as que teñen as linguas castelá e portuguesa como soporte comunicacional”.

Ramón Villares defendeu a necesidade destas propostas, máis aínda en tempos de crise e incertezas: “Precisamos unha nova consideración da cultura, pero tamén novas formas de a xestionar e gobernar. E precisamos unha distribución diferente de recursos e actores arredor do taboleiro, da idea dese novo contrato que se reclama, un novo marco institucional máis atento aos contidos que aos equipamentos”.

cinco espazos para a reflexión

Na presentación da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega interviron tamén os coordinadores das cinco áreas consideradas para subliñar algúns apuntamentos como resultado dos foros de debate.

Ramón Maiz (As políticas culturais) aludiu á democracia cultural como garantía da universalización do acceso aos bens culturais e do activo protagonismo da cidadanía. Falou do liderado das administracións públicas pero baixo formas de gobernanza orientadas á participación e ao diálogo co sector cultural e coa sociedade. Unha acción encamiñada ao fomento da transversalidade e da gobernación multinivel.

Victor Freixanes (Os contidos da cultura), traballo de coordinación que commpartiu con Henrique Monteagudo, falou da cultura como “as respostas aos desafíos do seu tempo”, un proceso aberto e orientado a consolidar unn proceso proactivo ao redor da singlarización e difusión da marca cultura galega, “converténdoa nun identificador de Galicia como suxeito colectivo na globalización”, alentando políticas positivas para a promoción da identidade e a cultura propias e tendo en conta a lingua galega como trabe mestra do noso espazo cultural e comunicativo.

Rosario Álvarez (As institucións da cultura) destacou o activismo civil como factor de vitalidade cultural e a necesidade de construir espazos de diálogo e transacción para definir as políticas culturais “promovendo a súa apropiación por parte das entidades e asociacións cívicas. Unha visión que precisa aumentar as capacidades das entidades a través da súa profesionalización, mellora na xestión e formación dos seus membros para o desenvolvemento de accións máis eficaces e eficientes.

Francisco Campos (A cultura e o mercado) referiuse aos conceptos de xestión e marketing estratéxico, a distribución e a promoción para xerar novos públicos e mercados para a produción cultural galega, Aludiu á necesidade de activar un plan dixital, promover o emprendemento cultural, favorecer a vertebración e a cooperación entre as empresas culturais e comprometer o sistema galego de I+D+i para facer das actuais industrias culturais un piar das novas industrias da creatividade, a imaxinación e o coñecemento.

Xulio Rios (A proxección exterior) lembrou que as culturas existen no mundo e son á vez locais e universais. Desde ese plantexamento referiuse á conveniencia de promover unha estratrexia para proxectar unha imaxe de Galicia no mundo baseada nun amplo consenso interno e nunha internacionalización comprometida e responsable co propio e co universal. Un modelo de xestión da acción cultural no exterior baseado na coordinación e na integración a partir de plataformas xeradoras de consenso con acompañamento público pero cun encadramento independente dos poderes políticos.

En definitiva, partindo do feito de que contamos cunha enorme variedade de institucións públicas e privadas que teñen a cultura como principal ocupación e obxectivo, debemos -precisou Ramón Villares- estimular procesos de planeamento da oferta cultural, que multipliquen a súa eficacia e visibilicen esa arquitectura asociativa, ao tempo que eviten o solapamento de iniciativas e fomenten accións pensadas de forma cooperativa e concertada”. E engadiu: “Probablemente sexa este o momento histórico máis axeitado para tomar decisións audaces, fixar prioridades estratéxicas e combater eficazmente o devalo que se está a sentir no sector cultural”.

Máis de cen persoas participaron activamente nos debates, facendo avanzar coas súas suxestións os seis foros de reflexión e sistematizar as conclusións dun proceso que coordinaou en conxunto o profesor e secretario do CCG, Xosé López, e que artellou técnicamente Xaime Subiela.

Outras noticias que che poden interesar