----

O Consello da Cultura Galega reflexiona nunha xornada sobre sexualidade e identidade

Quen somos nós neste século? Como chegamos a imaxinar a nosa sexualidade a través de conceptos como “macho”, “femia”, “home”, “muller”, “heterosexual”, “homosexual”, “transexual”, “DSD”? Cal é a relación entre a política e a sexualidade? Son os nosos corpos espazos de inscrición de xéneros mutantes? Cales son as propostas de futuro? Estas son algunhas das incógnitas que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) propón mañá no marco da súa xornada “Pensar con orgullo”. Unha nova cita coa reflexión, desta volta centrada en cuestionar conceptos e descubrir novos aspectos. Será inaugurada pola secretaria da institución, Dolores Vilavedra, e polas coordinadoras, Carme Adán e Celia Pereira. A xornada poderá seguirse en directo desde o web da institución.

“Pensar con orgullo” responde á necesidade de cuestionar os conceptos herdados e descubrir novos réximes de verdade, máis alá das fronteiras do patriarcado e as súas violencias. Unha das coordinadoras, Carme Adán, asegura que “esta xornada persegue ser un espazo de encontro para revisar conceptos e imaxinar novas formas de activismo e pensamento”.

A cita comeza con Lorenzo Bernini, profesor asociado de Filosofía Política na Università degli Studi di Verona, que falará das teorías queer. Despois, a profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Vigo Beatriz Suárez Briones ofrecerá un relatorio titulado “Identidade desde o desexo”. Xa pola tarde, Marina Sáenz, profesora de Dereito Mercantil na Universidade de Valladolid, encaixará o debate na cuestión legal e Luis Puche, investigador no Departamento de Antropoloxía Social da Universidade Complutense de Madrid, no ámbito educativo. Antes das conclusións, a compañía teatral A Panadaría deixará un pequeno espazo para a reflexión coa videocreación “Manual do Macho Ibérico. (De)construíndo con Elisa e Marcela”.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.