Unha xornada do Consello da Cultura Galega aborda mañá o concepto de “muller galega”

Os estereotipos que hai detrás do concepto de “muller galega” e como foron evolucionando a través do tempo son algunhas das cuestións que se abordarán mañá no marco da xornada “Mulleres e antropoloxía en Galicia”. A cita do Consello da Cultura Galega (CCG) xuntará durante un día diferentes expertos que permitirán revisar a teoría e a práctica arredor da realidade das mulleres en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras deste encontro, Nieves Herrero, Luzia Oca e Mariám Mariño, serán as encargadas de inaugurar esta xornada. Poderá seguirse en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta cita, en palabras dunha das coordinadoras, Mariám Mariño, “ofrece unha ollada ao camiño andando na antropoloxía sobre cuestións relativas á muller, o lugar ocupado polos estudos de xénero e de mulleres na antropoloxía, así como recoñecer unha lectura estereotipada de muller galega, que a estas alturas é moi discutible”. O programa estrutúrase en dúas partes moi diferenciadas. Na sesión da mañá reflexionarase, desde un punto de vista teórico, arredor dos retratos e relatos, ás veces contraditorios, que diferentes estudosos e estudosas produciron, de xeito concreto ou transversal, sobre “a/s muller/es galega/as” ou as mulleres en Galicia. Verbo da construción do estereotipo "A muller galega”, intervirá Nieves Herrero, profesora de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela. Marcial Gondar, que foi catedrático de Antropoloxía da USC, falará a continuación dunha ferramenta para a antropoloxía aplicada. Será Lourdes Méndez, catedrática de Antropoloxía da UPV/EHU, a que sinalará os retos da antropoloxía feminista.
Pola tarde darase paso aos casos prácticos. A antropóloga e profesora da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro Luzia Oca disertará sobre unha intervención coa comunidade caboverdiana de Burela. César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, fará a radiografía do museo que dirixe desde a perspectiva de xénero. E Rebeca Raso, formadora e educadora, exporá metodoloxías de educación popular e teatro dos oprimidos.

Álbum de Mulleres
No marco da xornada, a técnica da Comisión de Igualdade do CCG, Mariám Mariño, presentará dous especiais que veñen a enriquecer o Álbum de Mulleres. Un deles é "Viaxeiras", que recolle os cadernos de viaxe de mulleres europeas, americanas e españolas que visitaron Galicia. Cronoloxicamente arrinca no século XIV, atraídas polo Camiño de Santiago, nunha senda ata o século XX e na que hai nomes como Ruth Matilda Anderson, Nina Epton, moi vencellada á Xeración Nós, ou Federica Monsteny. O outro especial xira arredor da evolución dos estereotipos e conceptos sobre “A muller galega”.

Comisión de Igualdade
Esta xornada enmárcase nas áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas “Xénero e Documentación”, que pretenden pór á disposición do público información arredor desta materia; a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante e a difusión do proxecto web Álbum de Mulleres.