----

O “Foro Inés de Castro” abre unha nova xeira nas relacións entre a cultura galega e portuguesa

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente do Camões Instituto da Cooperação e da Língua I.P. (CICL), Luís Faro Ramos, presentaron esta mañá novas liñas de acción da relación entre Galicia e Portugal. A primeira desas estratexias concrétase no “Foro Inés de Castro”, que toma o nome da nobre galega que reinou en Portugal despois de morrer, e programará unha serie de seminarios, xornadas e conferencias arredor de temáticas conxuntas. A primeira sesión deste foro terá lugar esta tarde cunha palestra de Luís Faro titulada “Perceções da Língua Portuguesa na Literatura”, á que asisten representantes do sector cultural. No marco desta viaxe, a presidenta do Consello da Cultura Galega xestionou reunións cos responsables da Real Academia Galega e, na xornada do venres, cos titulares das Consellerías de Cultura e Educación.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O “Foro Inés de Castro” abre unha nova xeira nas relacións entre a cultura galega e portuguesa

As relacións entre Galicia e Portugal teñen unha importancia estratéxica, económica e sociocultural moi destacada. Foi a crise a que abocou a unha falta de propostas e avances significativos que agora, con iniciativas como as que hoxe se presentan, pretendan transcender a conxunturalidade para xerar liderado, discurso e propostas capaces de actualizar e dinamizar a nosa relación en clave de país. Cómpre superar as trabas e propiciar encontros e alianzas que favorezan o progreso e a comprensión mutua de ambas as dúas comunidades.

“Foro Inés de Castro”
No marco desa nova relación institucional entre o CCG e o CICL, o “Foro Inés de Castro” xorde como unha proposta de encontro para concretar as relacións entre Galicia e Portugal no século XXI e ten tres eixes esenciais: coñecemento, reflexión e acción.
Os seus obxectivos pasan por diagnosticar os trazos esenciais do momento actual das relacións galego-portuguesas e o papel de Galicia no favorecemento das relacións ibéricas, propiciar unha posta ao día permanente das relacións galego-portuguesas, fundamentar as iniciativas de achegamento entre Galicia e Portugal, idear posturas compartidas tanto no espazo europeo como global e suxerir propostas concretas, con especial atención ao eido sociocultural. Ademais, alentar unha adecuada proxección exterior dos mecanismos de cooperación e trasladar aos actores implicados as suxestións debidas para alentar un maior desenvolvemento das complementariedades mutuas.
O “Foro Inés de Castro” concrétase na realización de conferencias, xornadas ou seminarios en Galicia e Portugal arredor de temas de interese común que permitan actualizar as nosas percepcións respectivas. O Foro contempla a organización de dúas actividades anuais.
O propio embaixador, Luís Faro, será o encargado de abrir esta proposta cunha palestra titulada “Perceções da Língua Portuguesa na Literatura”, que consistirá nunha digresión breve pola palabra escrita de autores de lingua portuguesa. Nesta primeira sesión, que ten lugar por convite, teñen confirmada a súa asistencia un nutrido grupo de personalidades do sector cultural, entre os que está Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, así como representantes dos diferentes grupos parlamentarios e do ámbito universitario, o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo e das academias de teatro e do audiovisual.
Contactos institucionais
No marco desta nova vía de relación entre a cultura galega e a portuguesa, o Consello da Cultura Galega facilitou o contacto entre entidades galegas que comparten as áreas de acción do instituto Camões na cultura galega. Deste xeito, no marco da axenda do embaixador Luís Faro están fixadas xuntanzas con responsables da Real Academia Galega e co reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, o venres están previstas dúas reunións cos conselleiros de Educación e Cultura.
O CCG e a relación con Portugal
As relacións entre o Consello da Cultura Galega e Portugal fóronse tecendo co paso dos anos a través de institucións e personalidades con formatos e propostas tan diferentes como enriquecedoras. Alén da colaboración co Camoes, I.P. existen estreitas colaboracións con outras institucións como son a Casa de Mateus, as Universidades Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), do Minho, de Braga, que se concretan en seminarios, ciclos de cinema, xornadas e presentacións, entre outras propostas.
O Instituto Camões
O Camões, I.P. é un instituto público, integrado na Administración indirecta do Estado portugués, e está dotado de autonomía administrativa, financeira e patrimonio propio. Entre as súas misións está a de propor e executar a política de cooperación portuguesa, a política de ensino e divulgación da lingua e cultura portuguesas no estranxeiro así como promover a internacionalización da cultura portuguesa.

Outras noticias que te poden interesar: