Unha publicación alerta da degradación do planeta pola acción do home

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá "O Antropoceno e a «Grande Aceleración»", unha publicación que analiza desde Galicia e para Galicia a situación actual do planeta a partir de dous fenómenos: o “Antropoceno”, unha nova época xeolóxica marcada pola acción do home en relación co planeta; e a “Grande Aceleración”, que fixa en 1950 o comezo do consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, o catedrático de Edafoloxía e tamén coordinador da publicación, Francisco Díaz-Fierros; máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Elena Vázquez Cendón, deron a coñecer este texto que recolle as contribucións feitas por varios expertos nunha xornada homónima celebrada en Santiago en 2017, no que se alertou da necesidade de cambios.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Podemos manter todo isto así? Claramente non”. Así de claro e rotundo foi Francisco Díaz-Fierros, coordinador da publicación que pretende dar conta do preocupante que é a situación actual. Para argumentar o seu discurso ofreceu unha serie de gráficas que apuntaban que en Galicia tamén se produce un incremento exponencial de consumo de enerxía, repoboación forestal e outra serie de recursos. Tamén indicou que o aspecto diferencial de Galicia é que estamos nalgúns casos chegando a unha saturación do consumo de recursos. Para el, estamos nunha fase de diagnóstico no que xornadas como a celebrada en Santiago, nos converten en pioneiras no conxunto do Estado.

A publicación
A publicación está estruturada en dúas partes. Na primeira ofrécese unha visión do problema global a cargo de Alejandro Cearreta, da Universidade do País Vasco, o único representante español dos 38 que compoñen o AGW; de Jorge Riechman, coñecido divulgador ambiental da Universidade Autónoma de Madrid, e dos investigadores Pablo Ramil e Luis Gómez-Orellana, da USC.
Nunha segunda parte, preséntanse os coñecementos sobre a influencia da Grande Aceleración en Galicia a partir da evolución nos últimos anos do consumo de enerxía, a repoboación forestal, urbanización, a auga acumulada nos encoros, a fertilización orgánica e os residuos urbanos. E, ademais, a repercusión que estes e outros procesos poden ter sobre a calidade biolóxica dos ríos, así como sobre as aves, réptiles e anfibios de Galicia. Son autores desta parte Xoán Doldán, Eduardo Rico Boquete, José María Tubío, Eduardo Corbelle, Francisco Ónega, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Cobo, Lourenzo Fernández Prieto, Beatriz Corbacho, María Teresa Barral, Xoán Rodríguez Silvar e Pedro Galán.

A publicación inclúe tamén algunhas gráficas que, segundo explica Díaz-Fierros, “amosan maioritariamente un proceso de crecemento exponencial que está a presentar unha saturación que nos levaría a pensar nun esgotamento dos recursos e, como consecuencia, nunha necesidade urxente de tomar medidas de conservación e regulamento”.

A Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
Esta publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón, que pon o foco en cuestións de actualidade, como é foi o problema da velutina en Galiciaou a celebración dos 150 anos da publicación por Dimitri Mendeleev da primeira táboa periódica. Ademais, a vixésimo primeira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística puxeron este ano o foco na divulgación científica en galego.
A ciencia formou parte das actividades do Consello da Cultura Galega desde o seu nacemento. Isto concretouse en fomentar xornadas arredor destas materias pero tamén na busca de proxectos e iniciativas encamiñados a conseguir unha maior divulgación científica. Entre esta liña de accións destacamos a edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, catalán e inglés). Máis recentemente, a Sección publicou a primeira tradución da teoría da relatividade de Albert Einstein en lingua galega, ou o informe “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.