Margarita Boladeras aborda a legalización da eutanasia no ciclo “Pensarmos”

A eutanasia cobra protagonismo no marco do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Margarita Boladeras (Antequera, 1945), catedrática de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona e unha das voces máis coñecidas na defensa da legalización da eutanasia, propón mañá (18:00 horas) unha nova cita coa reflexión. Dialogará sobre este asunto con Ascensión Cambrón, presidenta da Asociación polo Dereito a unha Morte Digna de Galicia. Canda elas estará a coordinadora do ciclo, Carme Adán. A conversa poderase seguir en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A cita de mañá sérvenos para iniciar un novo xiro dentro da temática do ciclo “Pensarmos” para abrirse a temas que, aínda que son de actualidade, teñen unha perspectiva moi social e unha dimensión ética moi destacada. A eutanasia será o primeiro deses temas antes de abrir o parón do verán. Para iso estará en Santiago Margarita Boladeras (Antequera, 1945), catedrática de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona e unha das voces máis coñecidas na defensa da legalización da eutanasia. No outro sillón de pensar estará Ancensión Cambrón, profesora titular de Filosofía do Dereito e na actualidade profesora emérita da UDC e presidenta da Asociación polo Dereito a unha Morte Digna de Galicia.

O ciclo
Pensarmos é un ciclo da Sección de Pensamento que convoca cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade. A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha (Braga, 1961), que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas".

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: