
Fotografías, documentos persoais, recortes de prensa e a colección completa de partituras entre as que figuran 5 inéditos, este é o material que, desde hoxe, se depositará no Arquivo Sonoro de Galicia, unidade dependente do Consello da Cultura Galega. A cesión implica o soporte material pero non os dereitos dos mesmos.
O CCG e Arriola
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega traballa sobre a figura de José Arriola. En en virtude dun convenio co Consorcio de Santiago editou en 2010 a publicación “Sobre Arriola. Obra completa”, na que se recollen aspectos biográficos, documentais e de difusión dun material inédito que apareceu por casualidade na residencia de anciáns Mi casa de Ferrol. Foi nese espazo onde pasou os seus derradeiros días a herdeira do compositor, a súa irmá Carmen Osorio. Toda esa documentación, que inclúe manuscritos e obras inéditas, chegou a mans de Luis Mera quen advertiu do material sobre o que despois traballou Joam Trillo. Ese mesmo convenio posibilitou a edición en 2018 dun dobre CD a cargo da Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave. Contou ademais coa colaboración do pianista leonés Joaquín Soriano, o dúo de pianistas malagueños Víctor & Luis del Valle, a soprano viguesa Carmen Durán, a mezzosoprano guipuscoana Ainhoa Zubillaga, o barítono coruñés Javier Franco, o tenor madrileño Francisco Santiago e o trompista vigués David Fernández.