NOTICIA

----

A influencia dos centros de arte abre nun novo formato de xornadas

“En modo conversa” é un formato de diálogo que trata de establecer un espazo de reflexión sobre a arte e a creación plástica que mañá comeza no Consello da Cultura Galega. A iniciativa está coordinada por Rosario Sarmiento e Sofía Santos, membros da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. A primeira destas xornadas buscar reflexionar sobre o papel e a influencia dos centros de formación nas novas xeracións de profesionais e artistas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada da inauguración dunha cita que se retransmitirá en directo.

Cales son os intereses do novo estudantado e como os centros de artes existentes no país responden a eles. Existe unha relación entre os programas que se estudan e a realidade que atopan as novas xeracións no mundo profesional? Teñen ferramentas sólidas para acometer as súas novas carreiras profesionais? Estas son as preguntas ás que pretende responder esta cita que parte dun guión inicial e unha conversa a tres, tratarase de profundar sobre o papel e a influencia dos centros de formación nas novas xeracións de profesionais e artistas.

Nesta primeira actividade participan tres profesionais de longa traxectoria e experiencia profesional pertencentes a diferentes centros de formación en Galicia: Fernando Agrasar, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Universidade da Coruña; Anne Heyvaert, profesora doutora do Departamento de Debuxo, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo e Juan Manuel Monterroso, director do Departamento de Historia da Arte, Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela. Todos eles exporán os seus puntos de vista e posturas sobre o tema que se vai tratar.

Novo formato
Esta xornada abre un formato de conversa e diálogo que permite establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadores/as, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias.

Cada encontro consistirá nunha charla entre diferentes axentes da actividade artística: da creación plástica, da crítica, da xestión cultural, do coleccionismo, da dirección de museos e/ou fundacións, da filosofía, da docencia…, a partir dunha serie de temas propostos que permitan establecer unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.