Diferentes expertos propoñen reforzar o ensino de ámbito artístico

O éxito profesional, a adecuación do programa de estudos á realidade laboral, a necesidade de aumentar a investigación... son algúns dos ámbitos que se abordaron no formato de conferencias titulado “En modo conversa” que hoxe se estreaba o Consello da Cultura Galega. Esta cita coordinada por Sofía Santos e Rosario Sarmiento nace coa vocación de establecer un espazo de reflexión sobre a arte e a creación plástica. “Comezamos pola educación, porque nos parecía que era a base, o primeiro chanzo dun sector amplo e complexo” apuntaba Sarmiento. A presidenta Rosario Álvarez destacou na inauguración a vocación de diálogo e de intercambio que se pretende con esta nova proposta.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A xornada buscaba reflexionar sobre o papel e a influencia dos centros de formación nas novas xeracións de profesionais e artistas. E entendía a arte como un sector no que tiñan cabida desde os estudantes saídos da Facultade de Belas Artes, da Facultade de Xeografia e Historia, e da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Creadores, curadores, arquitectos, investigadores.... un amplo abano de profesionais para analizar pormenorizadamente a calidade formativa. Entre os aspectos que se abordaron destaca a relación entre os currículos formativos e o mercado laboral. E as respostas foron dispares. Para Juan Manuel Monterroso, director do Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela existe “un distanciamento entre o ensino teórico e a aplicación á creación artística”. Na súa opinión, o Plan Bolonia “levounos a compartimentar as aprendizaxes e as competencias do alumno, que acaba saíndo con carencias e que establece unha diferenciación entre os estudos de corte científico dos humanistas”. Para Fernando Agrasar, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, existe unha grande correlación aínda que admite “que os roles tradicionais do arquitecto mudaron por mor da crise e se abriron a outros ámbitos diferentes da construción como pode ser a rehabilitación ou outro tipo de obras”.

Todos coincidiron na importancia da formación que no caso galego ofrece outros aspectos diferenciais. Para Agrasar esta especificidade nótase en factores como a relación coa cor ou cos materiais que, “no caso dos estudantes saídos desta escola, son completamente diferentes aos doutras zonas e iso ten que ver cos valores da cultura galega”. Na súa opinión “a nosa escola ten un compoñente contextual (coa natureza, co contorno...) que non se da noutras escolas españolas e si temos en común cos portugueses”.

A cita pretendeu poñer enriba da mesa lugares comúns sobre a formación e a educación artística. “Creo que as reivindicacións que falan da boa formación e a falta de ferramentas non son novas” apuntou Rosario Sarmiento. Aproveitou para indicar que existe pouca curiosidade e dedicación por parte do alumnado que, sorprendentemente, “vai pouco ás exposicións”.

Outro dos aspectos que se abordaron no marco desta cita foi a investigación. Rosario Sarmiento considera “que hai xente que fixo estudos parciais pero aínda quedan moitos ámbitos por coñecer a fondo, como o da muller, a historia da diáspora galega, o ámbito cultural previo á democracia… por citar algún deses ocos”.

Formato
Esta xornada abre un formato de conversa e diálogo que permite establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadores/as, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias.
Cada encontro consistirá nunha charla entre diferentes axentes da actividade artística: da creación plástica, da crítica, da xestión cultural, do coleccionismo, da dirección de museos e/ou fundacións, da filosofía, da docencia…, a partir dunha serie de temas propostos que permitan establecer unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013; e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.