NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura Galega destaca a baixada de espectadores e recadación cinematográfica en 2018

Son tempos complicados para o sector audiovisual. O cinema tradicional perdeu no último ano espectadores (100 000 usuarios menos) e recadación (900 000 euros menos nese período). E máis aínda para unha cinematografía con cultura propia. En Galicia producíronse 141 películas no último quinquenio, hai máis empresas, contan co apoio da Administración e fanse máis traballos audiovisuais en galego. Son algunhas das conclusións do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG), do Consello da Cultura Galega (CCG), titulado “O cine en Galicia”. Nesta ocasión, o informe presenta unha destacada parte cualitativa na que os representantes do sector audiovisual destacan o talento creativo dos e das profesionais e a mellora da proxección internacional.

No último ano Galicia perdeu máis de 100 000 espectadores, unha baixada que está en consonancia co que aconteceu no resto de España. De feito, a asistencia media en Galicia descendeu unha décima, para situarse en 1,4 películas por habitante. E segue lonxe da media estatal, que está en 2,2. Por debaixo están Asturias, Estremadura e Ceuta e Melilla. Ese descenso correspóndese, segundo os datos do DT-OCG, coas novas formas de consumir produción audiovisual, condicionadas pola oferta das plataformas de pagamento. A análise por provincias desvela que A Coruña representa a metade da recadación e dos espectadores, dous millóns de espectadores dun total de 3,9 e 11,3 millóns dun total de 22,9 de recadación. Séguenlle Pontevedra e, xa moito máis lonxe, Lugo e Ourense.

Asistencia, exhibición e distribución
E cando imos ao cine, que vemos? En 2018 a tendencia foi ver máis películas españolas (100 000 espectadores máis) en detrimento das películas estranxeiras (200 0000 espectadores menos). Así o di o DT, que ademais asegura que a recadación nese ano foi de 22,9 millóns de euros, 900 000 euros menos que o ano anterior. Os datos de recadación tamén están vinculados coa nacionalidade da película exhibida: en 2017 as longametraxes españolas produciron máis ingresos ca o ano anterior, porén as estranxeiras recadaron un millón menos.

O gasto medio por habitante descende en consonancia co resto de indicadores de recadación e está en 8,5 euros ao ano, moi lonxe dos 11 euros de Madrid. No entanto, o gasto medio por espectador mantense estable nos últimos catro anos en 5,9 euros.

O DT tamén destaca que “A festa do cine”, iniciativa promovida pola Federación de Asociaciones de Productores Españoles (FAPAE), a Federación de Distribuidores Cinematográficos (FEDICINE) e a Federación de Cines de España (FECE), perdeu pulo, ao pasar de recadar 532 275 euros en 2016 a 319 430 en 2018.

O número de festivais deste tipo en Galicia varía en función da fonte consultada e, polo tanto, é complexo fixar unha evolución. Para o ICAA, o número de festivais en Galicia permanece estable, mentres que para a Academia Galega do Audiovisual houbo un descenso, de 14 en 2016 a 8 en 2018. Nesa oscilación tamén se pode encadrar a política de apoio da Xunta. A través da AGADIC, en 2018 apoiáronse 8 festivais cunha contía de 118.882 euros.

Exhibición, distribución e produción
O Observatorio tamén destina espazo deste DT a analizar a exhibición, a distribución e a produción. En 2018 hai un cine máis que no ano anterior, sumando así 44 cines e 187 salas de exhibición, a cifra más alta de toda a serie analizada. Nesas salas proxectáronse, segundo o DT, 582 películas, 25 menos ca en 2017 e proxectaron un 29,9% das películas estreadas en España en 2018 e sitúanos como a sétima comunidade con acceso ás estreas estatais.
Segundo o ICAA, en 2018 operaron en Galicia 18 empresas produtoras de cine, seis máis que no ano 2017. A análise de evolución mostra que o número de produtoras no ámbito estatal aumentou progresivamente no último quinquenio, cun incremento respecto ao 2014 dun 45,7%, e chegou ás 389 empresas en 2018. Madrid e Cataluña seguen a liderar o sector, acaparando entres as dúas comunidades un 58,1% da totalidade de produtoras.
No período que vai de 2013 a 2018 producíronse en Galicia 141 traballos audiovisuais. Destaca o ano 2015 con 27 películas (15 delas eran longametraxes) mentres que en 2018 se produciron 25 filmes (15 longametraxes e 10 curtametraxes). O xénero predominante é a ficción, coa excepción do ano 2017, en que se fixeron máis documentais. Se analizamos o idioma, o 38,3% das producións feitas en Galicia no período analizado están en galego. En 2018 producíronse 13 películas exclusivamente en galego e unha en galego/castelán. O apoio da Administración, a través dA AGADIC, é determinante. Os filmes con lingua orixinal en galego son os que reciben subvencións máis cuantiosas por parte da AGADIC. Entre 2011 e 2018 estes filmes recibiron máis de 2,3 millóns de euros (cifra á que habería que engadir máis de 300.000 euros para os filmes noutras linguas orixinais ademais do galego). Nese mesmo período as películas exclusivamente en castelán recibiron 1,9 millóns de euros.

A análise cualitativa
Este DT destina unha ampla parte a recoller a análise dos responsables da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a cooperativa de creación e difusión cultural NUMAX e a Axencia Galega das Industrias Culturais. Destacan a alta calidade das e dos profesionais do sector audiovisual galego, o incremento de “óperas prima” e o avance significativo da presenza das mulleres no sector, aínda que segue a ser escasa. A nivel de produción destaca a necesidade de incorporar novas medidas fiscais, ademais da petición de volver considerar este sector como estratéxico. En canto á distribución, a situación é complicada e sustentada polos cines pequenos, que precisan dun apoio decidido da Administración. Desde AGADIC consideran a pertinencia de iniciativas como ”Cinemas de Galicia” e alertan da polarización do cinema en películas case feitas de modo artesanal e outras que teñen a consideración de industriais. Ademais, destacan como punto forte a mellor proxección exterior do sector audiovisual galego.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (DT-OCG). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.

Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Ministerio de Cultura y Deporte procedentes da Estadística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento e do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales – Secretaría de Estado de Cultura.