O Consello da Cultura Galega estrea en Carnota un documental que homenaxea as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é unha homenaxe a todas esas mulleres anónimas que sustentaron cos materiais que transportaban na súa cabeza a numerosas familias e que non deixaron ninguna pegada nos rexistros oficiais”. Encarna Otero explica deste xeito en que consiste o documental que dirixiu no marco dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, canda a propia Encarna Otero e algunas das mulleres que participaron neste traballo asistirán mañá en Carnota (Salón da casa do concello, ás 19:00 horas) á estrea deste documental que pretende servir de testemuño do traballo anónimo e invisible das mulleres do Pindo. O acto contará coa participación da cantora Guadi Galego.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Hai dúas imaxes que serven de inspiración para o documental “As mulleres co mundo na cabeza”. Unha delas é a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo onde se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos e outra é unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo. A historia técena os testemuños de Olimpia Oreiro, Marisa Vázquez e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a todas esas mulleres que durante anos levaban o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente. Con eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias. “As mulleres co mundo na cabeza” é o material editado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para rexistrar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual. Ese proxecto chamábase “Memorias de vida en vivo” e, para facelo, a Comisión de Igualdade constituíu o grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui. O traballo que mañá se presenta é a segunda achega que se suma á iniciativa promovida en 2014 cando se recolleu o testemuño das mulleres que vivían arredor da mina de volframio de Fontao (en Vila de Cruces).

A luz do negro, as mulleres e o volframio
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega comezou en 2014 a traballar nunha liña de exploración das mulleres e o traballo. O grupo Imaxes e Voces, encabezado por Encarna Otero, trasladouse a Vila de Cruces para rastrexar a vida das mulleres que traballaran na mina ou en tarefas “paralelas” vinculadas á minaría fóra do complexo industrial. Atopáronse cun relato do mundo dos anos 40 nun espazo e nunhas condicións moi especiais. Un territorio no que non se pasaba a fame doutras áreas de Galicia, pero sobre o que existía un forte control e represión, con frecuentes incursións da guerrilla que procuraba contactar cos presos republicanos destinados á mina. Aínda que o material non fora concibido orixinalmente coma un documental, senón máis ben como material de arquivo, déronlle a volta e converteuse en “A luz do negro”, un relato audiovisual que trouxera a memoria destas mulleres afoutas.

A Comisión de Igualdade
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega está coordinada por María Xosé Porteiro e conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas “Xénero e Documentación”, que pretenden pór á disposición do público información arredor desta materia; a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante e a difusión do proxecto web Álbum de Mulleres.

Outras noticias que te poden interesar: