O Consello da Cultura Galega presenta a reedición de “La Emigración en Galicia”
16/7/2019
Cada emigrante ten o seu propio relato e a suma de todos eles conforma a imaxe do que foi o feito migratorio no noso país. No marco do traballo de investigación sobre este fenómeno relevante para a historia de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará mañá a reedición de “La emigración en Galicia”, a obra que Ramón Castro López publicou en 1923 e que reconstrúe unha visión atípica, caracterizada por ser máis positiva da imaxe habitual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega; e Ramón Villares, autor do prólogo da obra que abre a colección "Clásicos da Emigración", participarán no acto de presentación deste volume. Na rolda darán conta da relevancia deste traballo no conxunto da emigración galega.