O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dun cancioneiro popular que xunta trescentas pezas musicais de Manzaneda e Terras de Trives

Son 300 pezas musicais que compilan a tradición musical de Manzaneda e das Terras de Trives, que Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, recompilou ao longo de corenta anos de recollida tradicional. O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación do libro Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, unha extensa compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá. O acto, encabezado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, contou coa participación de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda, Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives e Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, ademais do propio Xosé Lois Foxo.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dun cancioneiro popular que xunta trescentas pezas musicais de Manzaneda e Terras de Trives

O acto de presentación do Cancioneiro contou coa intervención de varios veciños de Manzaneda e da Pobra de Trives que foron informantes do Cancioneiro: o cantor de seitura máis maior, Aquilino Pérez Prieto de Bidueira (Manzaneda) e outras cantoras como Digna Pérez (Vilanova, Trives) e María Jesús Rodríguez (Pobra de Trives). Tamén participou María Rodríguez, neta da cantora máis emblemática da seitura, Luz Divina Pérez Ricoi (Paradela, Manzaneda) que recreou co violín o cántico da seitura.

Músicas emblemáticas
Os cantos de seitura e os cantos de folións son as músicas máis emblemáticas das terras montañesas de Manzaneda e Trivas, e teñen unha longa tradición histórica na comarca das cales a referencia máis antiga aparece xa documentada en 1900. O Cancioneiro recompila trescentas destas pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio distribuídos nunha memoria usb que acompaña a publicación.

O Consello da Cultura Galega colabora con este proxecto de recuperación da memoria musical das comarcas galegas emprendido con Xosé Luís Foxo, a través da súa visibilización no Mapa Sonoro de Galicia, un proxecto dixital da institución que permite a escoita xeolocalizada destes audios e a súa consulta cruzada sobre a web (mapasonoro.consellodacultura.gal), e do que xa está accesible na aplicación o Cancioneiro antropolóxico. Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor editado previamente por Foxo.