O Consello da Cultura Galega leva a Pontevedra dúas mostras que revisan o último discurso de Castelao e a memoria da transición

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Pontevedra inauguran hoxe no Pazo da Cultura dúas mostras que revisan a historia recente de Galicia desde diferentes puntos e vista e formatos. A primeira delas é “A intimidade da imaxe”, a exposición que olla cara a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A segunda é “Alba de Gloria” a proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida no que enumera as grandes figuras da cultura galega. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra foron os encargos de inaugurar, xunto cos dous comisarios Margarita Ledo e Manuel Gago máis a concelleira de Cultura Carme Fouces. As propostas expositivas poderanse visitar ata o 25 de agosto.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Son dúas das mostras recentes que poñen os ollos en dous aspectos que gardan conexión con Pontevedra. Castelao, segundo escribiu el mesmo ao Presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires o 31 de marzo de 1947, afirmaba ser “pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra”. A biografía de Castelao está profundamente relacionada coa cidade do Lérez por iso “Alba de Gloria” tiña unha parada obrigatoria en Pontevedra. No caso de Anna Turbau, esta fotógrafa catalá chegou a Galicia en 1975 para retratar unha serie de vivendas para familias xitanas construídas en Poio por César Portela e Pascuala Campos. O Pazo da Cultura acollerá estas propostas que se poden visitar ata o 25 de agosto (Luns pechado. Aberta de martes a venres de 18:00 a 21:00 horas; os sábados de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas; mentres que os domingos e festivos abre só en horario matinal, de 12:00 a 14:00 horas).

A Galicia da transición
“A intimidade da imaxe” é unha mostra comisariada por Margarita Ledo que condensa nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa catalá se atopou a finais dos anos setenta en Galicia. O discurso expositivo xira arredor de nove bloques temáticos: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior. A mostra permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva que emerxe a través da ollada desta fotógrafa que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadores ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemáticas e reivindicacións populares, desde as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións sobre a situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía.

Planos medios, planos abertos e encadres arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada nas figuras das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara. A exposición, comisariada por Margarita Ledo, conta con varios niveis de lectura, a través das cores dos marcos, dos tamaños e dos nove bloques temáticos que ofrecen un discurso profundo do que foi Galicia na transición. Ademais, na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como son a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada que caracteriza a fotografía de Anna Turbau. A exposición chega agora á Coruña despois de estar en Santiago, no Pazo de Fonseca entre o 19 de outubro e o 16 de xaneiro.

Anna Turbau chegou a Galicia no ano 1975 para cumplir unha encarga do Colexio de Arquitectos e inicia unha estadía que se estende ata 1979. Un período en que Turbau fixo preto de dez mil fotografías que cedeu ao Consello da Cultura Galega e que encaixa co mandato institucional de preservar o patrimonio cultural galego. Desa cesión saíu unha publicación homónima editada por Natalia Poncela que exhibe arredor dunhas 500 imaxes e conta xa con dúas edicións.

“Alba de Gloria”: un discurso e unha exposición
“Alba de Gloria” foi o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Arrinca coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e remata co “Gran Don Ramón (Valle-Inclán)”. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Diego Xelmírez, Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou san Dámaso. O discurso, tendo en conta que Castelao era pintor, goza dunha gran plasticidade e riqueza, plasmadas na imaxe e na simboloxía que ten cada figura, de tal xeito que constitúe unha obra cimeira da lingua galega.

A mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante, a través duns lentes de realidade virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

O Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que constrúe un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia cun dos mito máis populares do imaxinario galego como é a Santa Compaña.

A Sala das Palabras é un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época. Preténdese, deste xeito, contextualizar as palabras de Castelao e trasladar a significación que tiña naquel contexto un discurso. A exposición ofrece fragmentos de alocucións de Maruxa Boga, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

A Árbore das Historias plasma de xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.
Ademais, a exposición tamén ten unha parte que permite ver a xenealoxía do propio discurso “Alba de Gloria”, que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando. Hai tamén unha contextualización histórica e un infográfico interactivo de big data para poder coñecer a evolución da presenza en textos escritos das grandes figuras da historia que pasaron a formar parte do imaxinario e da identidade do país.

Outras noticias que te poden interesar: