O Consello da Cultura Galega pon na rede tres gravacións históricas do himno galego no Día Nacional de Galicia

Co gallo da celebración do Día Nacional de Galicia, o Consello da Cultura Galega ofrece tres versións do Himno Galego. Foron realizadas entre 1919 e 1928 e correron a cargo de Toxos e Froles de Ferrol, a Banda Municipal de Barcelona e Cántigas de Terra. Unha iniciativa que se insire no proxecto "Lousas" que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Non é a primeira versión do Himno Galego que se coñece pero si unha das máis antigas. A Banda Municipal de Barcelona, dirixida nestes anos por Joan Lamote de Grignon, grava o "Himno Gallego" o 9 de outubro de 1919 na Cidade Condal, segundo o estudoso F. López-Acuña. As relacións entre as Irmandades da Fala e a Lliga Regionalista Catalana, para presentarse ás eleccións parlamentarias de febreiro de 1918, e as visitas do político catalán Francesc Cambó a Galicia no ano 1917 poderían contextualizar o interese da banda catalá polo noso himno. É unha das tres lousas que se publican neste especial que tamén acolle unha gravación do Coro Toxos e Froles de Ferrol. En 1922, a compañía Gramófono edita, en Barcelona, a interpretación de Toxos e Froles, dirixida polo mestre e gaiteiro Manuel Lorenzo Barja. Nesta gravación aparecen as voces femininas, que se incorporaron ao coro en 1920.

Pecha esta escolma do Himno Galego outro coro histórico, Cántigas da Terra. Esta gravación está editada en Barcelona pola compañía Odeón en 1928.

O Proxecto Lousas
É unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. A iniciativa, que se fixo pública no mes de marzo, posibilita a difusión de rexistros sonoros que van desde a primeira gravación sonora galega que se conserva, que é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904 ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; xunto con composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto…,

Un fondo que chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns, como unha lousa do himno galego realizada pola Banda Municipal de Barcelona de 1919 que hoxe forma parte deste especial.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización. En canto á