NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inaugura en Pontevedra “Son de Galicia”, a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

O primeiro dos coros que existiu en Galicia foi Aires da Terra e naceu en Pontevedra, da man de Perfecto Feijoo. Por iso, “Son de Galicia”, a mostra que recolle a contribución deste tipo de formacións á cultura galega, tiña que facer recalada na cidade do Lérez. A través desta exposición, na que se fai un percorrido pola biografía dos catro coros históricos que permanecen activos (Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e mais Cantigas e Agarimos), coñeceremos como a través do baile e da música os coros contribuíron a asentar a identidade galega. Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de Afundación e as catro sociedades corais históricas, inaugúrase este mércores 21 (20:00 horas) na Casa das Campás. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurala xunto co comisario, Miguelanxo Seixas, e o responsable da área de extensión cultural da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho. Poderase visitar ata o 5 de setembro.

A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, quen creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra, cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo, que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. En resumo, foi a orixe e o modelo en que se espellaron todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de reivindicar a identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo acubillado polas Irmandades da Fala.
“Son de Galicia” chega agora a Pontevedra para explicar, a través de trinta paneis, a historia galega construída a través de catro formacións que permanecen aínda en activo. A mostra permite coñecer a historia da Coral De Ruada, Toxos e Froles, Cántigas da Terra e mais Cantigas e Agarimos. Non son só apuntamentos biográficos destas entidades senón que serven de pretexto para facer unha lectura moito máis ampla que permite recoñecer o seu traballo común na configuración e divulgación da identidade galega. Por iso, a exposición presta atención ao labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais dos paneis haberá, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), un espazo para material audiovisual que permitirá descubrir imaxes históricas deste tipo de sociedades. Cómpre destacar que os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha, que o público poderá escoitar na mostra. Completarase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, que tomaron conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular sobre todo para un público máis urbano no marco dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo e un carácter amador non exento de tenzóns e retesías internas.

A exposición permite ver outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: o seu carácter de entrega, pois os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; a súa solidariedade, xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas deste tipo tanto en Galicia coma fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... e tamén dá conta dunha faceta de embaixadores da cultura galega, con máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.