----

Convocatoria de cursos de galego nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2019/2020. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 2 ata o 11 de setembro de 2019, para os cursos do primeiro cuadrimestre, e desde o 30 de decembro de 2019 ata o 10 de xaneiro de 2020, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.