O Consello da Cultura Galega e Afundación inauguran en Vigo Son de Galicia, a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e mais Cantigas e Agarimos son os catro coros históricos que permanecen activos hoxe en día. Dos seus arquivos constrúese o relato narrativo da exposición Son de Galicia, que recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración de Afundación-Obra Social ABANCA e mais as catro sociedades corais históricas, chega agora a Vigo. Este martes inaugúrase ás 19:30 horas coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e o comisario, Miguel Anxo Seixas. A exposición poderase ver na sede Afundación Vigo ata o 28 de setembro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Son de Galicia é unha mostra que reconstrúe a historia do país a través de trinta paneis que prestan atención á música, ao teatro e á organización social dun tempo. Un relato que tamén permite coñecer a historia de catro formacións históricas e as características comúns a todas elas: o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, ou mesmo os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), haberá espazo para material audiovisual que permitirá ver imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a súa historia e que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e exemplos da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra, cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo e que nesa época non era considerada como lingua de prestixio. Foi a orixe e o modelo no que se basearon todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contribuír a unha identidade galega nun contexto en que xorde o nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Isto é o que se recolle nos primeiros paneis dunha exposición que tamén percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, a toma de conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no marco dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo.

A exposición permite ver tamén outras características comúns como o seu carácter afeccionado, non exento de tenzóns e retesías internas, onde os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; pero tamén a súa solidariedade, xa que os coros se sumaron a moitas campañas solidarias de Galicia e de fóra, como recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da nosa cultura, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... Alén disto, tamén permite ver como actuaron de embaixadores da cultura galega con máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.