NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan unha obra esencial para o coñecemento do galego medieval

Detrás de “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices” hai 1880 documentos de tipoloxía variada, que datan entre 1124 e 1560 e que suman máis de trinta anos de traballo de documentación e de compilación; e mais un nome propio, o de Ramón Lorenzo, que foi o incansable traballador deste proxecto fundamental para o coñecemento do galego medieval e da primeira metade do século XVI. O traballo preséntase este martes en Montederramo nun acto en que participan os responsables de que esta iniciativa vise a luz: Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Luís Regueira, director do ILG, e mais o autor Ramón Lorenzo. Canda eles estarán presentes o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e Antonio Rodríguez, alcalde do Concello. Ao remate haberá un acto musical a cargo do grupo Manseliña. A publicación pódese descargar desde o web do CCG.

“Unha colección dunha riqueza extraordinaria polo seu número e por percorrer a Idade Media, ininterrompidamente, durante máis de catro séculos. É unha crónica de vida da época nunha ampla área de influencia: doazóns, compras, vendas, trocos, relación de bens, derradeiras vontades, melloras, liortas, ameazas...”, destaca Rosario Álvarez, a presidenta dunha institución que alentou e sustentou desde o primeiro momento un traballo que permite “testemuñar máis de once mil cincocentos nomes de persoa e máis de tres mil nomes de lugares, entre eles o primeiro rexistro dunha enigmática Rouoyra Sacrata”. Nos textos introdutorios da publicación, o historiador Ramón Villares apunta que “non é o mosteiro galego máis relevante pero ten unha riqueza documental importante”. Neles o autor, Ramón Lorenzo, recoñece que foi un traballo “descomunal” de varias décadas.
A maior parte dos documentos que teñen que ver co mosteiro de Montederramo consérvanse no Arquivo da Catedral de Ourense, no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e no Arquivo Histórico Nacional de Madrid (Sección de Clero-Regular Secular). Lugares que o propio Ramón Lorenzo e o seu equipo frecuentaron durante anos para o traballo que agora se presenta. Despois de establecer unhas normas de transcrición (separación e unión das palabras, puntuación e uso das minúsculas e maiúsculas...) e consideracións sobre os grafemas e algunhas referencias a características lingüísticas, conseguiuse unir este traballo, que queda ao dispor de investigadores das máis variadas disciplinas (filoloxía, historia, arqueoloxía, dereito...).
Esta edición abrangue desde o primeiro documento que se conserva (do 15 de marzo de 1124) ata os últimos escritos en pergamiño no século XVI (do 25 de marzo de 1560). En total preto de dous mil documentos seguidos de dous longos apéndices que conteñen dúas cartas executorias, unha de 1520 e outra de 1606, nas que se reproducen moitos documentos anteriores. Foron máis de trinta anos os que se necesitaron para que este traballo vexa a luz, grazas á colaboración de varias institucións como o Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Instituto da Lingua Galega.
A divulgación desta obra farase a través de dous soportes. Dunha banda en dixital, a través do proxecto web Gallaeciae Monumenta Histórica (GMH). Da outra, en papel, en tres volumes mais a colección documental e índices, que son os que se presentan este martes nun acto no que tamén haberá unha actuación musical do grupo Manseliña, integrado por María Giménez, voz, fídula oval réplica do Pórtico da Gloria e percusión tradicional; Tin Novio, laúde medieval réplica do Pórtico da Gloria; e Pablo Carpintero, gaita da CSM 360, aerófonos e pandeiros tradicionais do seu obradoiro.

GMH
“Gallaeciae Monumenta Historica” é un repositorio de documentación histórica desenvolvido e promovido polo Consello da Cultura Galega coa participación e colaboración de institucións como a Real Academia Galega, o Centro Ramón Piñeiro (Xunta de Galicia), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha das singularidades desta plataforma é que permite consultar as obras en liña, no idioma orixinal no que foron escritas (latín, galego e castelán) e facer buscas nelas por persoas, materias e topónimos. Isto é posible logo dun traballo técnico desenvolvido durante varios anos de análise e etiquetado do corpus documental que permiten ler de xeito transversal todos os textos, é dicir, podemos ler un diploma de Afonso X o Sabio preservado na colección documental de Mondoñedo, ou podemos localizar todos os diplomas que ten o sistema nos que figura. Tamén permite recuperar todas as referencias a marabedís ou á compravenda de terras antes do século XI, ou tamén coñecer as referencias á vestimenta, á vida cotiá ou ao comercio.

Antecedentes
Este proxecto é a continuación dunha liña de traballo iniciada nos noventa polo Consello da Cultura Galega coa colección editada en papel baixo o título “Fontes documentais para a historia de Galicia”. Dela inclúense un total de nove publicacións que suman máis de tres mil documentos. Entre eles destacan os “Documentos da Catedral de Lugo. Século XV (1400-1500)”, que ilustran a actividade do cabido e do bispo lucense, algúns aspectos da vida diocesana e mesmo algúns dos moitos sucesos conflitivos do século XV; ou “Os documentos do Tombo de Toxos (1038-1334)”, que son case 800 escritos, desde a crónica da fundación ata sinxelas relacións de bens pasando por solemnes privilexios reais. “O libro do subsidio (1500)”, “O Minutario notarial de Pontevedra (1433-1435)” ou “O Libro de notas de Álvaro Afonso” son outros dos textos que se recollen en GMH. Ademais, entre os estudos académicos que se inclúen figuran títulos como “Historia da escritura na Galicia medieval”, de Beatriz Vaquero; “A documentación notarial galega na Baixa Idade Media”, de Mercedes Vázquez Bertomeu, ou “A documentación eclesiástica galega”, de José García Oro.