----

O Consello da Cultura Galega trasladará á Bilioteca da Cidade da Cultura os fondos e a actividade dos seus Arquivos

Os fondos documentais e a actividade dos catro arquivos do Consello da Cultura Galega trasladaranse neste mes de xullo á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia. O convenio de colaboración será asinado mañá día 8 de xullo ás 12 horas no curso dun acto que, na referida Biblioteca, presidirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contará coa presenza do presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño. Ata o momento os Arquivos estaban instalados en dependencias alugadas polo CCG, institución estatutaria que ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O traslado supoñerá para o CCG un aforro de 40.OOO euros anuais en alugueres.
O Consello da Cultura Galega trasladará á Bilioteca da Cidade da Cultura os fondos e a actividade dos seus Arquivos

O convenio de colaboración asinado hoxe permitirá abordar proxectos relacionados co patrimonio cultural de Galicia e contempla, entre outras cláusulas, a cesión, por parte da Fundación Cidade da Cultura, ao Consello da Cultura Galega (CCG), por dez anos, prorrogables automáticamente, do uso do espazo necesario no edificio da Biblioteca de Galicia para para os fondos e o personal dos seus arquivos. Trátase das seccións bibliográficas e documentais: Arquivo Sonoro de Galicia, Arquuivo da Emigración Galega, Arquivo de Comunicación e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través do servizo da Biblioteca de Galicia, comprométese a compartir co CCG “os programas de xestión automatizada e plataformas de difusión pública, e facilitar a aplicación no proceso técnico documental das mesmas directrices e normativas nacionais e internacionais establecidas ou utiliizadas pola Biblioteca de Galicia”.

O Consello da Cultura asume que “todos os procesos relacionados coa xestión dos fondos obxecto de convenio serán realizados polo personal do CCG asignado a cada unha das súas Seccións”. Para o cumprimento deses obxectivos o CCG “sufragará directamente dos seus orzamentos os gastos do custo das adquisicións documentais que decida facer para os fondos das súas Seccións, así como os gastos do seu persoal que realice os labores profesionais en virtude deste convenio no edificio da Biblioteca de Galicia”.

O Presidente do CCG, Ramón Villares, salientou o valor da documentación reunida nos Arquivos ao longo de case dúas décadas, nomeadamente no tocante ao Arquivo da Emigración e ao Arquivo Sonoro. No primeiro caso aludiu ao material relacionado coa vida de máis de catrocentas sociedades de emigrantes, cincentas cabeceiras de publicacións periódicas e milleiros de fotografías. No referido ao Arquivo Sonoro, citou as gravacións das voces de ilustres galeguistas: Castelao, Otero Pedrayo ou Blanco Amor, entre os máis senlleiros, así como valiosos expoñentes de música etnográfica e popular e unha extraordinaria colección de discos de pizarra. Villares felicitouse polo acordo que permite ubicar todos estes fondos documentais na Biblioteca da Cidade da Cultura “cabeceira do sistema cultural de Galicia” e lembrou que os Arquivos “seguirán mantendo a identidade, o persoal e a dependencia do Consello da cultura Galega”.

Pola súa parte, o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela, agradeceu a colaboración do CCG “que ven simbolizar a cooperación na defensa e na promoción da nosa cultura desde este espazo referencial que é a Biblioteca de Galicia”. Destacou a importancia dos fondos aportados polos Arquivos do CCG, “con documentación fundamental para o coñecemento da historia e da memoria de Galicia, que seguirán acrecentándose no tempo con outras incorporacións e co resultado doutras achegas”. Roberto Varela afirmou asemade que este paso “eé unha proba máis de que a Cidade da Cutlura naceu non para competir, senón para sumar, dinamizar, coordinar e axudar a todas as institucións culturais galegas”

Ademais dos Arquivos o CCG canaliza o seu traballo a través das Seccións, actualmente agrupadas en seis grandes áreas: Ciencia, natureza e sociedade; Creación e artes visuais contemporáneas; Lingua, literatura e comunicación; Música e artes escénicas; Patrimonio e bens culturais e Pensamento e sociedade.