O Consello da Cultura Galega leva a Covilha a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

A mostra “Outros verbos, novas leituras: Valle-Inclán traduzido”(1930-136)” ofrece unha lectura diferente do coñecido escritor, ao se centrar no éxito que tivo en vida a través da tradución das súas obras. O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Departamento de Letras Universidade Beira interior, leva esta exposición a Covilha. A inauguración terá lugar mañá mércores ás 17:30 (hora local), e nela participan a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano da Faculdade de Letras e Artes, José María da Silva Rosa; o director do Departamento de Letras, José Ignacio Vázquez Diéguez; e a comisaria, Rosario Mascato. A exposición poderase ver ata o día 4 de outubro no Corredor das Fornalhas do núcleo da Real Fábrica de Panos do Museo de Lanifícios.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán e que permiten ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia, despois en Italia e en Rusia”.

A exposición ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; pero tamén recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.

“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia), pero tamén cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.

Valle en Portugal
Non é a primeira vez que esta exposición chega ao país veciño. Fíxoo en 2014, no Instituto Cervantes de Lisboa. Nela hai varios paneis que dan conta da conexión de Valle-Inclán coa intelectualidade e a cultura portuguesa. Un relación que se inicia coa amizade que mantén con Leal da Cámara e que foi medrando cos continuadas colaboracións na prensa e con traducións que Valle fixo de obras de Eça de Queirós.