Alicia Framis e Félix Fernández debaten sobre a arte como ferramenta de denuncia social

“Arte, acción, activismo, feminismo. A arte contemporánea como ferramenta de denuncia social en prol da igualdade” é o título dunha nova xornada do ciclo “En modo conversa” unha proposta que xunta o vindeiro mércores 18 de setembro a dous coñecidos creadores e activistas: Alicia Framis e e Félix Fernández. A comisaria Paula Cabaleiro, será a encargada de conducir un debate que se poderá seguir en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Pode ser a arte un berro reivindicativo de denuncia social? Pode unha acción artística poñer o foco sobre a desigualdade, a brecha salarial, o teito de cristal ou a violencia patriarcal? Pode un proxecto artístico provocar a empatía e a alteridade no público para mobilizar conciencias e propiciar unha actitude crítica? Pode unha performance facernos reflexionar sobre as novas e diversas masculinidades nun mundo dominado polo home heterosexual branco? Estas son algunhas das preguntas de partida da conversa que terá lugar mañá pola tarde entre Alicia Framis (Barcelona, 1967) e Félix Fernández (Viveiro, Lugo, 1977), dous coñecidos creadores que desenvolven unha práctica artística de amplo trasfondo social e crítico. Unha conversa que guiará a comisaria Paula Cabaleiro e que permitirá explorar a creación desde un punto de vista social.

Os creadores
Alicia Framis é unha artista multidisciplinar cuxa práctica combina arquitectura, deseño, moda e performance. O seu traballo constitúese por proxectos baseados e enfocados en diferentes aspectos da existencia humana dentro da sociedade urbana contemporánea. Framis parte a miúdo de dilemas sociais reais para propoñer contornas novas e posibles solucións. Desenvolve plataformas para a interacción social creativa, con frecuencia a través de colaboracións interdisciplinares con outros artistas e especialistas en diversos ámbitos. Actualmente é a directora dun programa de máster no Instituto Sandberg en Amsterdam (MA program at the Sandberg Institute in Amsterdam).

Félix Fernández (Viveiro, Lugo, 1977) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Formouse paralelamente en danza contemporánea e performance con Marina Abramóvic, Johannes Deimling, Elena Córdoba e Esther Ferrer, entre outros. Concedéronlle múltiples premios e bolsas, entre os que destacan a Bolsa de residencia Azala (Gasteiz, Euskadi, 2017), o Premio Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura (2014), a Bolsa de residencia Addaya Centre d´Art Contemporani (Palma de Mallorca, 2014), a Bolsa de residencia no MAC Gas Natural Fenosa da Coruña (2012), o Premio videoarte Festival Rendibú (Murcia. 2012), o Premio Metrópolis no Festival VAD de Girona (2011) ou a Bolsa Gas Natural Fenosa de Artes Plásticas, estadías en Nova York e Berlín (2009-2010).

Formato
Esta xornada insírese nun formato de conversa e de diálogo que pretende establecer un espazo de reflexión sobre arte e a creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadores/as, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias. A primeira das citas comezou antes do verán cun debate arredor da formación do mundo artístico. Por diante abordaranse novos territorois relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos e/ou fundacións, da filosofía, da docencia…, para poder ofrecer así unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta proposta forma parte da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013; e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.

Outras noticias que te poden interesar: