NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega reforza a acción exterior cunha viaxe a Brasil

Reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade son as dúas liñas de traballo que marcan a viaxe que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia mañá a Brasil. A axenda da presidenta inclúe reunións destacadas como as que manterá co Presidente da Assemblea Legislativa da Bahía ou co director do Instituto Cervantes de Sao Paulo, xunto con numerosas xuntanzas cos colectivos de emigrantes das cidades de Salvador, Santos e Sao Paulo. Ademais, o sábado 28 terá lugar a inauguración na cidade de Santos da exposición “Galicia Imaxinada”, que recolle a influencia da emigración na configuración da identidade galega.

A presidenta do Consello da Cultura Galega inicia este domingo unha nova viaxe por Brasil cun xantar coa Asociación Rio de Tea, unha das principais entidades que agrupan á colectividade galega na cidade de Salvador. O luns entrevistarase con Nelson Leal, presidente da Assembleia Legistativa da Bahia, con quen xa iniciara contactos no pasado mes de marzo cando esta cámara lle entregou a súa máxima distinción, a Medalha 2 de junho, a Rosario Suárez Albán, recentemente finada. Desta volta reforzarán as relacións institucionais con actividades que se concretarán nas vindeiras semanas. A presidenta reunirase estes mesmo día coa política brasileira nacida na Cañiza, María del Carmen Figaldo.

Os contactos coa colectividade de Salvador complétanse cunha xuntanza co Club Español de Bahía que terá lugar o martes 1 de outubro. Este é outro dos centros de referencia que concentra a colectividade de exiliados e emigrados, aínda que non son exclusivamente galegos.
Santos: xuntanzas e inauguración da exposición Galicia imaxinada
Desde Salvador a presidenta trasladarase a Santos para participar nun “Painel Mediado” organizado pola 3ª Peña cultural y Gastronómica desa cidade, que ten a finalidade de reunir as institucións representativas de inmigrantes da rexión (consulados e clubes de colonia) para tratar da importancia da conservación, organización e tratamento dos seus documentos históricos.

O sábado 28 terá lugar na Sala de exposicións do Shopping Boqueirao a inauguración de “Galicia imaxinada”, unha mostra que pretende reflexar o papel destacado da emigración galega na configuración de moitos dos símbolos que temos a día de hoxe. E faino a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, entre outras referencias. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

O vindeiro luns 30 a presidenta reunirase en Sao Paulo con Juan Manuel Casado, director do Instituto Cervantes no que buscarán establecer vías de colaboración para actividades inmediatas a través da sede do Cervantes nesta cidade.