O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Santiago o documental sobre as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é o título do documental, dirixido por Encarna Otero, no que se quere homenaxear a mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Forma parte dun traballo de documentación dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende fixar o testemuño de traballadoras anónimas na creación dun arquivo de imaxe. Este documental, que se estreou en xullo en Carnota, preséntase mañá martes en Santiago ás 19:00 horas. O acto contará coa presenza de Encarna Otero e dunha das protagonistas do documental (Marisa Vázquez Oreiro), e será presentado por María Xosé Porteiro, responsable da citada Comisión. Tamén haberá unha actuación da cantora Alba María.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Hai dúas imaxes que serven de inspiración para o documental “As mulleres co mundo na cabeza”. Unha delas é a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo, onde se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos, e outra é unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo. A historia técena os testemuños de Olimpia Oreiro Formoso, Marisa Vázquez Oreiro e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a todas esas mulleres que durante anos levaron o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente. Con eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias. “As mulleres co mundo na cabeza” é o material editado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para rexistrar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual. Ese proxecto chamábase “Memorias de vida en vivo” e, para facelo, a Comisión de Igualdade constituíu o grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui. O documental que mañá se presenta é a segunda achega que se suma á iniciativa promovida en 2014, cando se recolleu o testemuño das mulleres que vivían arredor da mina de volframio de Fontao en Vila de Cruces.

A luz do negro, as mulleres e o volframio
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega comezou en 2014 a traballar nunha liña de exploración das mulleres e o traballo. O grupo Imaxes e Voces, encabezado por Encarna Otero, trasladouse a Vila de Cruces para rastrexar a vida das mulleres que traballaran na mina ou en tarefas “paralelas” vinculadas á minaría fóra do complexo industrial. Atopáronse cun relato do mundo dos anos 40 nun espazo e nunhas condicións moi especiais. Un territorio no que non se pasaba a fame doutras áreas de Galicia, pero sobre o que existía un forte control e represión, con frecuentes incursións da guerrilla que procuraba contactar cos presos republicanos destinados á mina. Aínda que o material non fora concibido orixinalmente coma un documental, senón máis ben como material de arquivo, déronlle a volta e converteuse en “A luz do negro”, un relato audiovisual que trouxese a memoria destas mulleres afoutas.

A Comisión de Igualdade
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega está coordinada por María Xosé Porteiro e conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas Xénero e Documentación —que pretenden pór a disposición do público información arredor desta materia—, a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante e a difusión do proxecto web Álbum de mulleres.

Outras noticias que te poden interesar: