Un ciclo de cine exhibe a relación coas mulleres, a sociedade e o patrimonio

A relación das mulleres co seu contexto centran o ciclo de cine “Mulleres, patrimonios, sociedade”, que comeza mañá en Vigo (Multicines Norte). Serán tres xornadas que seguirán sempre o mesmo esquema: a proxección dunha curtametraxe, dunha longametraxe e mais un debate-coloquio. Esta proposta, que completa unha primeira edición que tivo lugar en Braga no 2018, é o resultado da colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG); o Camões-Instituto da Cooperação e da Lingua, I. P.; a Universidade do Minho (UMinho) e a Vigo Film Office. A cita arrincará coa proxección do premiado filme de Xiana do Teixeiro titulado “Tódalas mulleres que coñezo”.ºº
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Promover o intercambio lingüístico-cultural, difundir filmes galegos e portugueses que tiveron ou teñen impacto en ambas as dúas sociedades, tanto polo recoñecemento público como por obteren diferentes premios nacionais e internacionais, ou visibilizar e promover a reflexión sobre temáticas sociais de relevancia transversal son algúns dos obxectivos do segundo ciclo de cine “Mulleres, patrimonios, sociedade”, que arrinca mañá nos Multicines Norte de Vigo.

O programa
A cita comeza coa proxección do premiado filme “Tódalas mulleres que coñezo” (2018), de Xiana do Teixeiro, e seguirá coa curtametraxe “Entre sombras” (2018), dirixida por Mónica Santos e Alice Guimarães. No debate posterior participarán a mencionada directora Xiana do Teixeiro, Rebeca Blanco Rotea (coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG), Encarna Otero (membro da sección de Igualdade do CCG) e Alexandra Esteves da Universidade do Minho.

A xornada do venres centrarase no patrimonio e por iso as proxeccións serán a longametraxe “Alentejo, Alentejo” (2013) e, despois, a curtametraxe ”Tempo de recolleita” (2018) de Félix Blume. No debate posterior participarán a directora de cine Sara Traba, María del Sol Palomo e Faia Díaz Novo —compoñentes dos grupos Ialma e De Vacas respectivamente— e a profesora da Universidade do Minho Noemí Basanta.

O ciclo pecharase coa sesión de sociedade: proxectaranse “Volta à terra” (2014), de João Pedro Plácido, e a curtametraxe “Cando mamá pechou as caixas” (2018), da directora Arancha A. Brandón, quen tamén participará no debate posterior xunto coa profesora da Universidade de Vigo Amada Traba e os profesores da Universidade do Minho Noemí Basanta e José Gabriel Andrade.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Este ciclo insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais desta institución que busca xerar debate e difusión entre cidadanía, administracións e profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.

Outras noticias que te poden interesar: