NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra o Día Europeo das Linguas con recitais poéticos multilingües

Hoxe é o Día Europeo das Linguas, unha cita que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra con dous recitais poéticos organizados en colaboración con outras entidades. En Santiago, o vicepresidente Xosé Manoel Núñez Seixas, participou nun recital poético no Museo das Peregrinacións organizdo conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüistica. Foi un acto no que estudantes Erasmus e peregrinos chegados de toda Europa leron no seu idioma textos de Rosalía de Castro escritos orixinariamente en galego. En París, o CCG participou noutro recital poético no marco da colaboración co Instituto Cervantes, o Instituto Ramón Llul e o Instituto Etxepare. Alí, o presidente do Cervantes, Luis García Montero, presentou o un recital poético no que oito poetas españoles e franceses leron versos en castelán, catalán, euskera, galego, asturiano, francés, occitano e corso. Pola banda galega o participou María Reimóndez.

O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa creada no ano 2001 polo Consello de Europa co obxectivo de promover a riqueza idiomática de Europa e concienciar sobre a importancia e vantaxes da aprendizaxe de linguas, así como a necesidade de coidar os idiomas maternos.