----

O IGE facilita novos datos sobre coñecemento e uso do galego

O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos da Enquisa estrutural a fogares de 2018. En termos xerais, non se perciben nestes últimos cinco anos grandes mudanzas, con respecto á Enquisa de 2013. O 30,57% da poboación de Galicia afirma falar sempre en galego (0,63 puntos menos ca en 2013), un 21,72% afirma falar máis galego que castelán (1,43 puntos máis ca en 2013), un 23,32% afirma falar máis castelán que galego (1,06 puntos máis ca en 2013) e un 24, 40% afirma falar sempre en castelán (1,85 puntos menos ca en 2013). Mantéñense tamén as grandes desigualdades de usos segundo a idade da poboación, resultando especialmente preocupante na franxa de entre 5 e 14 anos, onde só o 26,12% da poboación fala “só galego” ou “máis galego que castelán”. No web do IGE podes acceder á totalidade dos datos de xeito detallado ou, se o prefires, á versión resumida.