A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura en Santos a exposición “Galicia Imaxinada”

“Galicia imaxinada” é unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia a través da análise de varias publicacións. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará mañá esta exposición na Sala de exposicións do Shopping Boqueirao. Con ela estará Eduardo Alves, presidente do Centro Español de Santos. A inauguración é unha das actividades previstas no marco dunha viaxe institucional encamiñada a reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade galega no Brasil.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A emigración foi esencial na configuración de moitos dos símbolos que temos a día de hoxe. Por iso, a revisión de cal é a influencia das colectividades galegas emigradas en América na configuración do símbolos de identidade de Galicia está totalmente vixente. A exposición Galicia Imaxinada presta atención a esa construción identitaria a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, entre outras referencias. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

Viaxe institucional
A inauguración desta mostra é unha das actividades centrais da viaxe de traballo que está a realizar a presidenta do Consello da Cultura Galega en Brasil. A axenda da presidenta comezou coa xuntanza coa colectividade de Salvador, seguida dunha xuntanza co Presidente da Assemblea Legislativa da Bahía, Nelson Leal, e coa política brasileira nacida na Cañiza, María del Carmen Figaldo. A presidenta trasladouse a Santos onde hoxe particpa nun encontro organizado pola 3ª Peña cultural y Gastronómica desa cidade, que ten a finalidade de reunir as institucións representativas de inmigrantes da rexión para tratar da importancia da conservación, organización e tratamento dos seusf documentos históricos.
O vindeiro luns 30 reunirase en São Paulo con Juan Manuel Casado, director do Instituto Cervantes nunha xuntanza que buscará establecer vías de colaboración para actividades inmediatas a través da sede do Cervantes nesta cidade. A axenda institucional conclúe o 1 de outubro cun encontro no Club Español de Bahía, un dos centros de referencia que concentra a colectividade de exiliados e emigrados, aínda que non son exclusivamente galegos.